ECOLOXÍA. O PLANO EÓLICO AMEAZA

 OS ESPACIOS NATURAIS GALEGOS

( Art. aparecido na Revista digital "Omnibús" en Junio de 1999,

de Xosé Veiras Garcia da Federación ecoloxista galega .)

 

 

ECOLOXÍA. O PLANO EÓLICO AMEAZA OS ESPACIOS NATURAIS GALEGOS

Xosé Veiras García (coordenador da Federación Ecoloxista Galega)

 

O Goberno galego e as empresas eléctricas parecen decididas a converter a Galiza nunha potencia mundial en materia de enerxía eólica. Os planos eólicos estratéxicos aprobados até hoxe pretenden instalar a medio prazo unha potencia máis de dúas veces superior á da central térmica de ENDESA en As Pontes, a máis potente de España cos seus 1.400 MW. Cada parque eólico adoita ter unha potencia de 20-30 MW.

En principio, semella unha boa noticia para o medio ambiente do noso país. A producción suxa de electricidade nas centrais térmicas de carbón de As Pontes e de Meirama é unha das causas máis importantes de deterioración ambiental en Galiza. Estas centrais xeran anualmente centos de miles de toneladas de gases contaminantes que causan acidificación e contribúen ao aumento do efecto invernadoiro, o problema ambiental global máis grave.

O movemento ecoloxista galego sempre avogou polo desenvolvemento da enerxía eólica, unha enerxía renovábel e limpa. Por que entón as organizacións ecoloxistas non apoian con entusiasmo a ambiciosa política autonómica na materia? E que son uns "fundamentalistas" incapaces de recoñeceren o labor "ambientalista" da Xunta e das empresas eléctricas?. Que os parques eólicos produzan electricidade de forma limpa, sen orixinar contaminación atmosférica, non quere dicer que a súa construcción non produza danos ambientais. Non se poden ignorar ou menosprezar os prexuízos causados pola apertura de pistas, a construcción de novos tendidos eléctricos ou a instalación de enormes aeroxeradores en lugares moi visíbeis. Estes prexuízos poden ser aceptábeis en moitos casos, se temos en conta os beneficios ambientais derivados do funcionamento dos parques eólicos, mais non noutros. Que sexan ou non aceptábeis dependerá de como e, sobre todo, de onde se constrúan os parques.

A Consellería de Industria da Xunta está a obrar o prodixio de converter unha enerxía de baixo impacto ambiental nunha importante causa de destrucción do noso patrimonio natural. Varias decenas de parques eólicos construíranse en áreas de elevado valor ecolóxico desprotexidas que ficarán seriamente deterioradas. Muitos dos nosos espacios naturais de maior interese, tanto do litoral como do interior, veranse afectados. Os parques eólicos, xunto con minicentrais, incendios forestais, canteiras ou concentracións parcelarias, son unha seria ameaza para a natureza galega.

Entre os numerosos espacios afectados cómpre salientar a serra do Xistral, no norte da provincia de Lugo. Varias empresas pretenden inzar de parques eólicos esta serra, deteriorando gravemente a súa paisaxe (unha das máis fermosas e naturais do país) e as súas turbeiras de cobertor (un tipo de humidais de grande valor ambiental e únicos na Península Ibérica). Xa están en construcción tres parques. Esperemos que a presión exercida por ecoloxistas e científicos independentes das empresas eléctricas consigan impedir a instalación de máis parques eólicos nun espacio que para algúns expertos mesmo ten entidade dabondo para ser declarado Parque Nacional.

O procedemento de avaliación de efectos ambientais ao que se someten os parques eólicos está a ser utilizado simplemente para xustificar a súa construcción, non para determinar a súa compatibilidade ou non co medio natural. A subordinación absoluta da Consellería de Medio Ambiente aos intereses privados das eléctricas e o seu escaso peso político fixeron que nin unha soa das 21 declaracións de efectos ambientais de parques eólicos aprobadas en 1998 fose negativa, nin tan sequera as dos tres primeiros parques eólicos da serra do Xistral.

 

En Galiza é posíbel construír numerosos parques eólicos sen necesidade de deteriorar os espacios naturais máis valiosos. Non se trata de construír parques eólicos a calquera prezo para que se enriquezan uns poucos.

Non é preciso permitirmos a destrucción do noso patrimonio natural para atinxirmos unha elevada producción eólica. Os ecoloxistas galegos piden diálogo e un mínimo de sensibilidade ambiental ás Consellerías de Industria e de Medio Ambiente. O que queren é compatibilizar o desenvolvemento da enerxía eólica coa conservación dos espacios naturais. Poñen como exemplo a  Navarra, outra comunidade autónoma con un ambicioso plano eólico. En Navarra de 72 zonas aptas para a instalación de parques eólicos, desbotáronse 50, na maior parte dos casos por motivos ambientais.

 

A entrada en funcionamento de novos parques eólicos non está a conlevar unha diminución da producción das centrais térmicas. En 1998 a central térmica das Pontes atinxiu un récord histórico de producción. A que explota Unión FENOSA en Meirama aumentou a súa producción con respecto ao ano anterior.

Despois de estar parada durante dous anos, a central térmica de fuel de FENOSA en Sabón (Arteixo) volveu entrar en funcionamento. Onde está pois a substitución de enerxías suxas por enerxías limpas? Trátase de reducir o enorme impacto ambiental causado polo sector enerxético no noso país ou simplemente de aumentar os beneficios dalgunhas empresas e de consolidar o papel de Galiza como país productor e exportador de electricidade?

Para avanzar cara a un modelo enerxético ecoloxicamente sustentábel é necesario desenvolver as enerxías limpas (todas, tamén a solar). Mais o prioritario é aumentar a eficiencia e o aforro enerxético, reducir o consumo total de combustíbeis fóseis, aumentando o peso relativo do gas natural en detrimento do carbón e do petróleo, e impedir a construcción de novos encoros hidroeléctricos, como o de Sela (Miño) ou o de Caldas (Umia).

Xosé Veiras García (coordenador da Federación Ecoloxista Galega)

         salir.jpg (922 bytes) Salir.