La www de N. Fabian. Fotografía de esa www.  ESCRITO DE COAGRET - CALDAS 17/06/2000 La www de N. Fabian. Fotografía de esa www.

CONCLUSIÓNS DA REUNIÓN DE COAGRET

CELEBRADA EN CALDAS DE REIS O 17 DE XUÑO DO 2000.

 

Primeira: A presa do río Úmia representa un dos máis graves atentados ecolóxicos e en materia hidráulica dos que se teñen dado no Estado Español nestes últimos anos, na medida en que implica a ruptura do sistema hidrolóxico global dun dos poucos rios importantes que manteñen o seu curso continuo dende o nacemento o mar, libre de intervencións e sen regulación de ningún tipo. Este atentado é particularmente grave no contexto europeo dado que estamos en vísperas da aprobación da Directiva Marco de Augas que prevee, -entre os seus principais obxetivos-, a preservación e recuperación, se é o caso, do estado ecolóxico natural dos ríos.

 

Segunda: Denunciar enérxicamente o fraude de ter vendido ante a opinión pública un encoro para abastecemento da povoación do SALNÉS, cando tal abastecemento, -amáis de ter outras alternativas-, nin é necesario, nin está xustificado, nin nunca se materializou nun proxecto concreto, realizándose, no seu lugar, un aproveitamento hidroeléctrico que, ao día de hoxe, tén xa colocadas as suas duas turbinas. Cando esta produción eléctrica non aparece xustificada polas necesidades nin da demanda actual, nin da futura, non pode aceptarse que se declare de utilidade pública o que non é mais que un lucrativo negocio privado.

 

Terceira: Expresar a máis enérxica indignación polo feito de que a tramitación e as obras realizadas teñan transgredido a legalidade vixente e os dereitos humans máis elementais: a ocupación de terras non expropiadas, a violencia exercida polas forzas de seguridade sobre os veciños afectados ou as denuncias e xuicios utilizados para atemorizar aos membros da coordinadora resultan totalmente inaceptábeis en calquer Estado de Dereito. Moi en particular resulta escandaloso no contexto da Unión Europea que se teña permitido a tramitación do proxecto cun estudo de impacto ambiental plaxiado doutro realizado para a provincia de Huelva, sen sequera ter posto o cuidado de cambiar a toponimia e de incluir especies presentes no Úmia amenazadas de extinción (como a lontra e o cangrexo de río), mentras, pola contra, menciona unha flora e unha fauna que nada teñen que ver coa da zona afectada pola presa.

 

Cuarta: Por parte dos expertos en seguridade hidrolóxica expresar a preocupación polo perigo que poden representar as subidas repentinas do caudal (en función das necesidades de turbinar) nun río moi frecuentemente utilizado por todos os veciños de Caldas como lugar de ocio. Asimesmo, -e á vista da visita realizada á presa e á zona afectada polo encoro e do informe elaborado por profesores da Universidade de Vigo-, renovar, por parte dos expertos en seguridade xeolóxica, unha chamada de atención sobre os riscos sempre presentes que pode ofrecer unha presa de 6 hectómetros cúbicos de capacidade, ubicada a pouco máis de un kilómetro da vila de Caldas (de case 10.000 habitantes) ante calquer posíbel accidente que poidera afectar á propia presa.

 

Quinta: Á vista de todo o dito acordan en primeiro lugar trasladar estas conclusións, -e a correspondente queixa-, ante a presidenta da Comisión de Meio Ambiente do Parlamento Europeo, –dona Caroline Jackson-, coa que está previsto un próximo encontro para o luns, 19 de Xuño, en Bruxelas. Acordan tamén promover ante a Unión Europea a demanda de que o río Úmia sexa incluido na sua integridade como lugar de interese comunitario (LIC) na rede de espácios naturais da Unión Europea, Rede Natura 2000. Por último, acordan colaborar coa Coordinadora Anti-encoro e cos demáis grupos sensibilizados de Galiza tanto na denuncia a nivel ibérico deste atentado ecolóxico como da sua difusión entre a comunidade cientifica. A este respecto proponse a celebración dun Simposium sobre a importancia dos ríos no seu estado natural e sobre os distintos impactos deste encoro sobre o río Úmia, Simposium ao que se invitaría a expertos en bioloxía, ecoloxía fluvial e de estuarios e costas, a expertos en hidroloxía, hidroxeoloxía e riscos xeolóxicos, en economía, en socioloxía, en antropoloxía, en dereito, etc. das distintas Universidades do Estado así como a representantes da Unión Europea, a título de observadores.

En representación da COAGRET:

D. Pedro Arrojo. Presidente do Congreso Ibérico de Planificación y Gestión de Aguas

D. Javier Martínez Gil.Catedrático de Hidrogeología Universidad de Zaragoza.

D. José Manuel Nicolau. Profesor del Dpto de Ecología de la Facultad de Ciencias de la Universidad de Alcalá de Henares

En Caldas de Reis, a 18 de Xuño de 2.000

       

 

                                              Sair                                                                                                 Salir