La www de N. Fabian. Fotografía de esa www.  ESCRITO A FRAGA IRIBARNE La www de N. Fabian. Fotografía de esa www.

Coordinadora Anti-Encoro de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña

Apartado de Correos, 21 - 36650 - CALDAS DE REIS (Pontevedra) / e-mail: kabalos @ teleline.es

  ----------------------------------------------------------------------------

EXCMO. SR. PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA SANTIAGO DE COMPOSTELA

 

 

Consecuentemente coas súas declaracións, realizadas con motivo da presentación en Santiago do libro “A Natureza Galega” editado pola Consellería de Medio Ambiente, nas que fai unha defensa sen paliativos da preservación dos recursos naturais de Galicia e á vista do que está a suceder co proxecto de construcción do Encoro no Rio Umia, é polo que nos diriximos unha vez máis a V.E. para solicitarlle que faga esa mesma defensa do noso entorno natural, que tamén está en Galicia.

 

O encoro do Umia, como xa temos denunciado é unha obra innecesaria e gravemente prexudicial tanto desde o aspecto ambiental como desde o socioeconómico para os veciños dos Concellos de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña, e para todos aqueles dunha ou doutra maneira precisen do rio Umia ou simplemente desexen disfrutar da súa riqueza piscícola e paisaxística.

 

Como vostede sabe xa a propia Constitución Española establece claramente a obriga que teñen tódalas Administracións Públicas de velar pola utilización racional dos recursos naturais.... Pois ben, no caso do encoro do Umia non só non se respectou o que dispón a norma constitucional senón que o motivo alegado pola Consellería para construílo encoro (abastecemento de auga ó Salnés non é certo. En primeiro lugar as propias actuacións da Consellería desminten tal extremo, así no Diario Oficial de Galicia de 22/10/1998 publicase a concesión de dúas centrais hidroeléctricas no rio, (suspendida cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia), e en segundo lugar que de ser certa esa pretendida necesidade de auga con toda seguridade podería cubrirse como fan noutras zonas bastante máis pobladas sen que teñan encoros como o que se nos quere facer a nós (así: Pontevedra, Polo, Marín, Bueu, Sanxenxo surtense directamente do rio Lérez e para casos de emerxencia contan coa presa do Pontillón do Castro que ten 1 Hm3. de capacidade, mentras que o encoro de Caldas sería de máis de 6), ou a Comarca do Barbanza, onde aínda hai poucos dias o Organismo Autónomo Augas de Galicia anunciaba as obras para o pleno abastecemento de auga sen a construcción de ningún tipo de encoro).

 

Por riba o encoro do Umia presenta outro tipo de problemas que seguen sen ter a oportuna explicación como a falta de estudio de impacto ambiental ou as características xeolóxicas e xeotécnicas do terreo, que o fan totalmente desaconsexable ese tipo de obra a menos dun km. do casco urbano de Caldas, cun desnivel de máis de 100 m., segundo se afirma en distintos informes, entre eles o da Universídade de Vigo, do que trasladamos copia xa hai meses a esa Presidencia.

 

Polo tanto a instalación das centrais hidroeléctricas coas turbinas, liñas de alta tensión, destrucción da paisaxe e de zonas de alto interés ecolóxico como a riqueza piscícola e faunística do rio e as súas ribeiras, con especies en perigo de extinción, e outras como a Fervenza e os Muíños de Segade, a Area Recreativa Natural da Pontenova, a Ponte do Areal, a Carballeira e o Parque Xardín de Caldas, ... etc. só poden levar a unha reflexión a calquera persoa que teña un mínimo de sensibilidade e que fai declaracións como as de Vostede ós medios de comunicación: que unha obra que causa tales prexuizos só debe de facerse se o esixe unha verdadeira causa de utilidade pública ou interese social.

 

Aínda que na actualidade estamos á espera de que o Tribunal Superior de Xustiza proceda á execución provisional da Sentencia dictada o 7 de abril, na que se anulaba o procedemento de expropiación urxente ordenando a devolución das terras ocupadas ós veciños, pedimoslle que sen esperar as ordes do Tribunal esa Presidencia aplique con coherencia ó caso do Umia o manifestado no dia de onte, 15 de setembro, en Santiago, lembrándolle as súas propias palabras “Galicia está a avanzar decididamente e o está a facer co imprescindible respecto cara ó medio ambiente, conseguindo a necesaria rendibilidade dos seus recursos de xeito compatible coa súa preservación para evitar perdas irreversibles no futuro”.

 

Os que asinamos este escrito, veciños e veciñas de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña estamos totalmente dacordo con estas afirmacións. Non queremos nin debemos permitir o ter que vivir sempre no medo de que o muro da presa non aguante, de que se abran as comportas da presa e os veciños poidan resultar afogados como xa sucedeu noutras poboacións con encoros, que se destrúa o rio, o seu entorno, o noso futuro turístico-termal, e, en fin a desaparición da nosa paisaxe únicamente por un interés totalmente privado e ilexítimo, xa que o rio non é propiedade particular de ninguén senón que nos pertenze a todos nós e ás futuras xeneracións.

 

Como dí a sabiduría popular “o rectificar é de sabios”. Rectifique Sr. Fraga. Aínda estamos a tempo.

 

 

16 de setembro de 1999

 

 

¡O Umia vive!

                                                   ¡ENCORO NON!                                              

  Siguen 25 firmas

                                              Salir                                                                                                Sair