AS TROITAS,  MIÑAS SEÑORAS

Juan José Moralejo Álvarez

Textos sacados do libro "As troitas, miñas señoras", un libro de Juan José Moralejo Álvarez, editado por Editorial Galaxia, 2ª edición, 2005.

Pequenas mostras de capítulos do libro nos que Juan José Moralejo falaba do río Miño:

Juan José Moralejo Álvarez foi catedrático da Universidade de Santiago, pero el presumía de ser Licenciado en Troitoloxía pola Universidade do Deva (Ourense).... entre outros títulos...  O seu Deva era o de Cortegada, un afluente do río Miño pola esquerda.

Desgraciadamente  Juan José Moralaje deixonos o 25 de maio do 2012. A este gran amigo fíxenlle unha dedicatoria no seu día, merecía eso e moito máis.

Benditos_ríos (video en  Youtube)  

 

A troita. quinteto para piano e cordas  Schubert.

 

Volver á río Miño

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

O  SACRATÍSIMO  MIÑO.

" Pra escribirmos do Miño cómpre ter, como quer a pía copla, "pureza de conciencia" e, tamén coa copla, estarmos "dignamente preparados": sabido xa que os nomes dos ríos teñen que ir en maiúscula por seren de ríos, o do Miño ten un M máis grande có do Mississipi, e aínda lle pode dar a ventaxe de que lle xunten o Missouri.

     Do Miño cumpriría escribirmos axeonllados, pero os fabricantes de máquinas de escribir non teñen prevista a máquina - reclinatorio..."

Río Miño, por baixo de Frieira. Sensacional.

Fotografía do autor da www.

"...no caso do Miño toda a auga que pasa é auga de sete estalos, é auga máis que bendita, é ¡pois iso:auga do Miño!, e a auga de todos os outros ríos e H2O, pero a do Miño é H30O15..."; cando vai maina son os mellores remansos do mundo; cando hai fervenzas,  a carraxe da auga ,  a forza da corrente, é que de botar abaixo o que lle poñades diante; os pozos que poidades atopar  no Tambre ou no Ulla  caben todos nalgúns pozos que eu coñezo no Miño, e no Pozo de Maimón, en Ourense podíase facer a quinta provincia de Galicia.

    O Miño é o pai de Galicia, é o fecundador e estercador, como ben dixo o poeta..."

"...Non  coñece Galicia que non andou o Miño. Hai que andar o Miño e saber escoller o momento: collede o val de Lugo cando o verde da herba lle dea envexas ás esmeraldas. Baixade logo cara Belesar, pero esperade a que as viñas pinten ouro e vermello, alá por Santos,  ¡mirade ben o que vos eu digo! quedades  autorizados para esnaquizar as retinas contra aquela epidemia de color: non sei si o verbo "embelesar" non virá precisamente  de aludir o que se ve e sente en Belesar no outono.

As viñas pintan ouro... Imaxen Iván Fraga.

   Esperade logo  que veña o verán  e no día de máis calor e fumazo deixádevos ir de  devagar  para abaixo de Ourense,  por Puga e Alongos, Barbantes e Ventosela: antes de Barbantes xa teredes bébedos os ollos  e o chegardes a Francelos  teredes unha gravísima e irremediable  intoxicación estética..."

 

"...E aínda non vos dixen o mais importante: que o Miño é meu. Mirade: eu sonvos de Santiago e non o nego, pero, postos a falar coa man no corazón, sonvos de Cortegada, Ourense, xusto no recanto do mapa onde crúza-lo Miño e pasas a Portugal: na miña banda dise troita, chau...e na outra e máis na miña rentes da raia din truita, chan,..:cousas de tempos idos, de mosteiros e castelos, parroquias e diócesis, de frades bieitos e Sarmientos.

O Miño que fala Moralejo pero xa co encoro.

No fondo desemboca o río Deva. Descoñezo autor da foto.

   O caso é que de Cortegada -e de Trado, cara a raia- é a miña familia e na beira do río tiña a miña aboa un muíño cunha presa que era tamén un pesco de primeira; por baixo tiñamos unha ponte eu xa non acordo a vela funcionar: facía o servicio pró muíño, pero tiveron que a deixar porque lles aforraba ós contrabandistas moito camiño; era unha ponte de quita e pon polo conto das furibundas enchentas do río, tan furibundas que o embalse da Frieira cos seus vinte e pico de metros aínda non chegou ó nivel no que eu teño visto o río cando chovía auga a Dios dar; e pra arrriba dos prados tiñamo.lo balneario, do que o embalse papou os manantiais. Agora todo fica asolagado, pero aínda non perdín a esperanza de que algún día teñan que librar tan inmunda poza e volver ve-lo muíño, o pesco, a ponte,.....¡o mellor de cando rapaz!.

Regato de Barxa, nunha banda España , noutra Portugal

   Comprenderedes que cando eu tiña sete ou dez anos pensara que o Miño era da casa, da miña aboa, e conmigo tamén o creron os meus irmáns e primos, unha caiñeira de rapaces sen vergonza nin medo pra todo o que fora se bañaren sen saber nadar, fumaren no palleiro e outras falcatruadas.

O Miño por Arbo. Sensacional.

Foto do autor da www.

   Agora xa sei ben de quén é o Miño, pero o sabelo non importa pra que eu siga encirrado en que o Miño é meu: pódovos contar tódalas pedras que quedaron debaixo do encoro dendes Castrelo a Frieira, podo decirvo-los sitios onde mellor non se meter pra non pasar dúas horas nun foxo de toxos e silvas ou pra non ir de cabeza o río. Velahí tendes unha boa pescata: dende a estación de Pousa-Crecente ide río arriba astra Frieira, son seis kilómetros bos prá troita e que se poden facer no tempo de tren a tren,...

Encoro de Frieira. Foto do autor da www.

      Estaredes xa a decir que abonda coa leria do Miño e que onde está a pesca: pois no río, meus queridiños, no río. Os  340 quilómetos son unha enchente, unha orxía  de pesca dende o peixe máis badoco ao salmón máis señorito tendes millóns de anguías, milleiros de lampreas, carros e carros de troitas, millenta de sábalos e zamborcas...O único que eu quería ao falar tanto no que ó Miño é para min e para todos era poñer ben claro que o Miño non é unha auga que ten peixes, nin un río, senón o sacratísimo río , pai e señor de todos nós, e cheo de pesca ata estoupar...

Nota miña: está claro que Moralejo escribe do río Miño cando era rapaz...hoxe o río Miño, desgraciadamente, é o que conta no outro artigo.

Subir.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

O RÍO MIÑO

UN  PAI  NON  RESPECTADO

" ...O único que eu quería ó falar tanto no que o Miño é para min e para todos era pór ben claro que o Miño non é unha auga que ten peixes, nin un río, senón o sacratísimo río , pai e señor de todos nós, e cheo de pesca ata estoupar.

      E xa estou sintindo dicir o de ¡para o carro, amiguiño! e eu vou e paro o carro e recoñezo que hoxe do Miño queda pouco e estou a falar do que foi e non volverá; e son ademais dos primeiros en denunciar que o Miño xa non é o pai respectado, senón un pai nos que os fillos baten e mallan; máis que auga limpa e corrente é unha restra de pozas contaminadas; máis que un tesouro sen fondo de pesca é un río que está nas últimas e logo virá dar nas derradeiras...A industria, os encoros e máis a enerxía eléctrica son necesarias, pero non de xeito que contra do que a lei di, economía e pesca sexan incompatibles; a contaminación non é nin necesaria, nin boa, nin defendible, nin siquera é o mal menor  ou descupable das riquezas e necesidades da industrialización; a porcallada que o Miño arrastra, as manchas de aceite pesado, as cabezas e tripas de polo non son máis que eso: porcallada de quen consente que as boten e mesmo porcallada de todos nós, que non pelexamos  e berramos como compriría para que catro desleigados non derramen un río que é moito máis e moito mellor que o que eles producen. E agora, 2004, cómpre celebrar que leis e sensibilidades teñan mellorado moito o río ou, polo menos, estea libre de macromerda. O da micromerda é outra historia.

Río Miño, por baixo de Frieira. Sensacional.

 Fotografía do autor da www.

        As troitas dos encoros teñen unhas carnes moles e marelas que non hai quen as ature, e que haxa máis ou sexan máis grandes non é compensación; aínda menos compensación é o botar outras especies que, con perdón dos seus afeccionados, para min fican catalogadas na grea de peixes anónimos e murchos. O salmón xa non sobe de Frieira, pero, coa lei na man- ¡na nosa, que o salmón non ten mans!-, podería subir, inda que non sei si lle gustaría enfouzarse nas charcas podres chamadas encoros; a lamprea e mais o salmón van perder os mellores ou únicos quilómetros que lles quedaban cando fagan o salto de Sela.

O Miño por Arbo. Sensacional.

Foto do autor da www.

    Agora quero berrar que hai uns anos botaron no encoro de Frieira o black bass para compensar, seica, daquela maneira a perda das outras especies; o black bass foi abundante e hai que recoñecer que nunha tarde de barca e culleriña tiñas boa diversión. Pero logo no sei quén foi o túzaro que botou as carpas e agora troitas e black basses baixaron en picado e o encoro é un abarrote de merdas gordas que chaman carpas e que na pesca deportiva non serven para nada. A ver si algún día pasan a fondo as redes e purifican o Miño de todo este lixo..."

Encoro de Frieira. Foto do autor da www.

    Esta évos a historia do Pai Miño..."

 

 

 

 

Nota do autor da www: está claro que Juan José Moralejo tiraba con bala, non tiña o que se dí pelos na lingua, efectivamente ó que Fenosa por acción e a Xunta por omisión fixo en moitos encoros da nosa terra non ten nome. As carpas imperan por doquier o Bas e un longo etc. Todo menos troitas, salmóns, anguías, sábalos, sabogas, tencas, barbos e un longo etc. que eran os auténticos habitantes e señores do pai Miño.

Realmente para chorar.

Subir.