O PERDIDO PARAÍSO DO PESCADOR DE TROITAS.

 

      O artígo de opinión está sacado do Correo Galego do día 16-10-2002. A verdade que me chamou moito a atención. Penso que merece un  lugar preferente na miña páxina www en defensa dos ríos galegos, xa que, dun xeito claro, expresa o que a miña folla www ben mostrando dende o ano 1997: tíñamos os ríos máis atractivos do mundo e estamos a rematar con eles.

     Moitas gracias Xosé Martinez Couselo, polo teu artigo, e por poñer, indirectamente, nas millas mans un libro fermoso "Un verán en Galicia" , escrito pola Inglesa C. Gasquoine Hartley en 1911, que merece outros comentarios na miña páxina.

O PERDIDO PARAÍSO DO PESCADOR DE TROITAS.

      A escritora inglesa C. Gasquoine Hartley a principios do século pasado pasou varios meses en España "pescando co meu marido en varias partes do país". Máis dun mes estuvo en Galicia. "De entre os lugares que visitamos un dos que nos proporcionaron as mellores experiencias e lembranzas foron o Miño e o sil".

No seu libro Spain Revisited. A Summer Holiday in Galicia, publicado en London en 1911, e agora traducido co título Un verán en Galicia. Confesa Gasquoine Hartley: "Visitei moitos ríos en moitos países, pero non lembro ningún que tivera un atractivo tan grande para mín como o Miño".

     En Tui atopan o río cheo de homes con redes. "É bo momento para deterse a describi-las posibilidades do pescador de cana en Galicia. Hai moitos ríos bos para a práctica deste deporte en tódalas partes do reino, especialmente nas provincias de Lugo e a Coruña, que posúen tódalas calidades para a producción de fauna acuática. En Mondariz, na Toxa, no Lérez preto de Pontevedra e en Ferrol tiven conversas con pescadores que falaban moi ben da pesca nestes lugares. Un escocés en Ferrol díxome que el pasaba tódalas súas horas de lecer pescando e tiña boa sorte coas troitas asalmonadas nos ríos do contorno. O Miño e o Sil teñen troitas grandes como as de calquera outro río de Europa. A pesca é gratis, a non ser porque hai que pagar unha licencia que custo o redor de tres xilíns. Non hai dúbida de que, cun cultivo axeitado, Galicia pode transformarse no paraíso do pescador ó cabo duns anos. Pero compre revisa-la Lei de pesca. Os ríos non se poboan e descoñecen os viveiros de troita. Abundan os pescadores furtivos que utilizan trampas, lanzas e, nalgúns lugares a mortífera dinamita. Tamén usan as follas dunha planta que en Galicia coñecen co nome de trobisco para pillar as troitas. Os labregos poden pescar grandes moreas delas só con botar as follas nas pozas pouco fondas dos ríos. O seu efecto é velenoso para os peixes, que soben á tona da auga e pódense capturar con facilidade".

      As cousas cambiaron moito, pero Galicia segue sen ser o paraíso do pescador. Quen queira consumir troitas de río ten que dispoñer de cartos e recomendación para comelas de contrabando. Hai un século tódolos grandes ríos estaban inzados de troitas, hoxe están esquilmados. Escribía Gasquoine Hartley que "o Ulla, o Tambre, o Xallas e o Eume son todos ríos de pesca que se poden comparar cos mellores ríos de Inglaterra, Escocia e Irlanda. Pódense atopar salmóns en moitos ríos. Hai zamborcas, lampreas, barbos, bogas, escalos -unha sorte de cruzamento entre un alburo e un peixe cacho- e outros peixes menos finos. Nalgúns ríos tamén hai abundantes anguías, aínda que afortunamente os mellores lugares para a troita están libres delas. O barbo é distinto do de Inglaterra, ó ser un peixe fermoso e máis fino. A fermosa zamborca prateada péscase con redes que teñen a abertura cuberta cunha póla verde que parece unha alga e así engana os peixes que pasan por alí. A zamborca non pica con ningún engado, pesa entre dous e seis quilos e é un peixe de sabor excelente, parecido o salmón". A zamborca, alosa ou saboga en castelán, Alosa Fallax de nome científico, é moi parecida ó sábalo. Daquela chegaban a Ribas do Sil, agora non pasan do encoro de Frieira. Tamén entraba na parte baixa do Umia e no Ulla ata Ximonde. Xa non hai noticia de que collan zamborcas nas pesqueiras do Miño.

-------------------------------------------------------------------------

Ver a reseña e o meu resumen deste fabuloso libro. "Un verán en Galicia"

Volver a "Vida nos ríos".          Volver a "Prensa".         Volver a "Ourense natural".