O que diga Don Manuel.


NOTA DO AUTOR DA WWW:

Fai non moitos días, visitei a sede  de Calidade Ambiental dependente da Consellería de Medio Ambiente Natural da Xunta de Galicia en Ourense. Falando cun dos funcionarios y recabando notas sobre as minicentrais na Provincia de Ourense. Nun momento da conversa, pregunteille ó funcionario:

  -Que opinas sobre as minicentrais que se están a facer en Ourense.

E díxome todo cheo de razón:

   -Mientras Don Manuel diga que toda empresa que crea un posto de traballo é válida, as minicentrais irán para adiante.

( Sobra que diga que a resposta deixoume un pouco trastocado. )

Os poucos días lendo a Voz de Galicia atopei este artículo que máis que facerme gracia, aclaroume dunha vez por todas o que realmente está a pasar en Galicia.

¡¡ Deus nos colla confesados!!.

 


( Art. aparecido na Voz de Galicia o 21 de Marzo de 1999, de Manuel Rivas   . Ilustración : Miguelanxo Prado .Moitas gracias ó autor.)

rivas.jpg (6347 bytes)

Os nostálxicos partidarios de Joaquín Balaguer, anos e anos e máis anos presidente da República Dominicana, queren que o veterano político conservador, cego e con sona de meigo, volva o poder. Para iso veñen de fundar un movemento de carimbo moi explícito. Chámase : " Lo Que Diga Balaguer ".

   A versión galega, aínda máis fresquiña, do trinque, plenamente vixente, é a que nortea toda a navegación gobernante : " O Que Diga Don Manuel ".

   Trátase dunha frase talismán. Dun aforismo perfecto. Compendia un programa, unha doctrina, un way of life, unha taschaung, alfa e omega, eterno retorno, progresión retardada. A pedra filosofal. A biblia en verso. O Aleph borxiano. A contraseña. A Enciclopedia. O Diario Oficial de Galicia. O toque decisivo. A solución a todos os enigmas. O pensamento único. O catecismo.

   E dicir, ¡ O Que Diga Don Manuel !.

   Preguntas a un Conselleiro sobre un asunto delicado. O home concéntrase. Está a reflexionar. Bebe un grolo de auga. Remexe no asento. Refrega as mans. Bebe outro grolo. Está realmente a pensar na resposta redonda. De súpeto, sospira con alivio, satisfeito. Vai dicir algo importante, novidoso, sen volta de folla. Escoitase o zunido electromagnético das interneuronas. Atención.

   -Sobre este asunto, eu voulle responder con sinceridade o que penso, sen eufemismos, sen eludir responsabilidades: ¡ O Que Diga Don Manuel !.

   De San Caetano a Cuspedriños. De norte a sul e de este a oeste. De arriba abaixo e de abaixo arriba. Cando xurde unha complicación, cando hai que mollarse e poñer ollo o piollo, o aludido encóllese de ombros, saca a estampiña do Santo Patrón e exhibea como unha indulxencia plenaria.

   -Eu, amiguiños, ¡ O Que Diga Don Manuel !.

   -¿San Benitiño de Lérez ou de Paredes? ¿Coca-cola ou Pepsi?

   -Eu, sobre Cuiña e Romay, ¡ O que Diga Don Manuel !

   -¿E de que color é o cabalo branco de Santiago?

   ¡Uiiiuiii! A min non me pillas, ¿eh? ¡ O Que Diga Don Manuel !

   Unha bicoca. Un chollo o que encontrou a dereita galega. Un confort. Descansadiños de todo. Da Administración, da ideoloxía, das polémicas, do show, do menú, ocúpase Don Manuel. Si hai que morderlle unha orella A Beiras ou a Cortizo, alá vai, como un Tyson, Don Manuel.

   Vou levar unha ponencia á convención. Hai que dar o callo entre todos.

   ¿ E como se titula ?

   -¡O Que Diga Don Manuel !

   En correspondencia, temos un partido máis okupante que gobernante, e unhas élites infantilizadas, cunha mestura de adulación e medo ao padriño.  Unha especie de "Galicia Karaoke"".

   Creo que tiñamos que facer algo distinto, valente, innovador. Un gran encontro de ideas para a Galicia do Terceiro Millenium.

   -Moi ben. ¡ Que o Clausure Don Manuel !

   Contan que un día pillaron a Fraga moi canso, á volta dunha viaxe. Preguntáronlle, para variar, sobre a sucesión, e o home dixo resignado : Eu, ¡ O Que Diga Don Manuel !

 

dmanuel2.jpg (10937 bytes)

              

salir.jpg (922 bytes) Salir.