¿ Por que non nacen galegos?

NOTA DO AUTOR DA WWW:

O paso que vou, a miña selección de notas de prensa, van ser unha antoloxía dos artigos de Manuel Rivas. Seguro. Pero non me queda mais remedio, xa que na miña opinión os artigos son fora de serie e por riba teñen algo que ver coa miña opinión do que está a pasar en Galicia en tódolos eidos e polo tanto no tema de medio ambiente coas minicentrais ou maximierdas como as chama o Profesor Moralejo.

Recollo unha frase do artigo, inda que todo el, non ten desperdicio "os nenos non nacen porque grande parte da fermosa Galicia está convertida nun Museo do Feísmo, poboada por ogros e fantasmas"

 


( Art. aparecido na Voz de Galicia o 4 de Abril de 1999, de Manuel Rivas   . Ilustración : Miguelanxo Prado .Moitas gracias ó autor.)

O autor Manuel Rivas e o ilustrador Miguelanxo Prado.

Ilustración de Miguelanxo Prado.

   Hay que cambiar a frase de Castelao, quen decía : "Os galegos non protestan,  emigran".   Agora, o galego nin protesta nin emigra, non nace.

   Tense falado moito estes días da perda de poboación galega. Como quen di, somos unha raza en extinción. Unha das taxas de natalidade máis baixas do mundo. Un país que envellece e non se anova. Un problema moi grande para o futuro, porque o primeiro recurso é sempre o humano. A opinión e o goberno semellan moi preocupados. ¿ Quen vai traballar as leiras? Ou, dito en plan máis moderno, ¿ quen vai termar do país e das pensións?

   O normal, e desexable, é que Galicia acolla a emigrantes. E nenas e nenos hai moitos no mundo. Necesitados. Maltratados. Ogallá encontren aquí unha Terra Prometida, a igual que moitos dos nosos antergos e parentes toparon noutros lares o que este país abafado por caciques, señoritos sambexugas e cregos larpeiros, non lle soubo dar.

   Pero non estou nada de acordo coa explicación dominante sobre esta baixa natalidade. Dise que a causa principal é o cambio de costumes, a crise da familia tradicional, e, sobre todo, a crecente independencia da muller. Se comparamos con outras realidades, ese diagnóstico non cadra. ¿ Por que no resto de Europa, católica ou non, a natalidade é maior?. Hai que dicilo dunha vez : porque hai máis esperanza. Galicia é un páis desesperanzado. Desentendido do porvir. De ir tirando.

   En realidade, eu creo que non nacen máis nenos porque os nenos galegos non queren nacer.

   Os nenos galegos que non nacen están agochados coma paxariños de inverno tralas silveiras. Albiscan. Axexan. Ven o panorama e din:  ¡ Que naza outro!. A min deíxame estar aquí quentiño, no ventre dos soños.

  Nós xa estamos resabiados. Aceptamos como normal o goberno da mediocridad. Pero o neno galego que aínda non naceu tómase tempo para reflexionar. Mira polo ollo da pechadura, colle medo, e agóchase nun recuncho do faiado onde se fai invisible.

-¡ Anda, ho! Sae de aí.

-Non quero nacer.

-¿E logo por que ?.

-Non vexo porvir.

-Veña, ho, sae, que xa falaremos con Cacharro. Tamén xa é casualidade. Onde máis se resisten a nacer os nenos é, curiosamente, na Galicia interior, na que se considera máis conservadora, onde a dereita de sempre controla todos os resortes coma un partido único, e onde se supón que a doctrina tradicionalista da Igrexa -o matrimonio para procrear-ten máis predicamento. Vense agora os froitos. O despoboamento e dúas industrias principais: a Diputación e as Pompas Fúnebres.

   Os nenos que non nacen están moi informados. Len o xornal na taberna do Transmundi. Distinguen ben entre a verdade, a propaganda e as parvadas. Tampouco nas ciudades o teñen moi claro.

-¿Por que non nacedes?

-Non hai onde xogar.

-Xa che comprarei unha praza de garaxe. ¡Xogades ao escondite polos parkings!

   E iso é o que pasa. Os nenos non nacen porque grande parte da fermosa Galicia está convertida nun Museo do Feísmo, poboada por ogros e fantasmas.

 

 

              salir.jpg (922 bytes) Salir.