Este artigo fai
referencia ás palabras que Enrique Bande Rodríguez verqueu no xornal
La Región o pasado domingo, 14 de marzo de 2004. Nel facía alusión a
un traballo nacido do asociacionismo, da liberdade e da dinamización
dun bairro dos arrabaldes ourensáns. O bairro é As Eiroás e o
traballo ao que fago referencia a máscada da Pita.
Sen entrar a valorar
as notas históricas e etnográficas propostas polo autor (supoño que
coa “creación do Entroido en Ourense no ano 1901”, se referirá
simplemente ao desfile), gostaría de facer algunhas acraracións
sobre a máscada que nos ocupa:
A Pita, nen foi
nen pretende ser unha “personaxe típica” do Entroido da cidade
de Ourense. A Pita, como o seu nome nos indica, é desde o ano 2001 a
imaxe creada –non recuperada- pola Asociación de Viciños e Viciñas
d’As Eiroás para tentar perpetuar a Festa que leva o seu nome.
Cualquer outra afirmación, pola parte de quen sexa é totalmente
falsa. Do mesmo xeito que é totalmente falsa a información aportada
polo sr. Bande respecto dun hipotético pláxio da máscada do Galo d’A
Mezquita; que supoño se basará no nome, pois a apariéncia é bastante
distinta como se pode comprobar a primeira vista. A non ser que se
refira a que da parte superior da máscada sae unha prolongación cara
arriba (que neste caso representa a unha pita)... ao igoal que os
Galos, e os Peliqueiros, e os Cigarróns, e os Felos (quen copiou a
quen?), e os Boteiros, e as Pantallas, e os Vergalleiros, (de Viana
e de Vilariño, quen copiou a quen?), e incluso os Xenerais (de Bama,
de Cacheiras, de Piloño, de Lestedo, de Vaamonde..., quen copiou a
quen?) e muitas outras ducias de máscadas repartidas ao longo e
ancho do país.
Tampouco me vou meter
coa “interpretación” que o sr. Bande fai da história que deu orixe á
festa; só apuntar que dona Gumersinda “a Pita” non era unha moza,
que era unha señora viuva e que ninguén –que se saiba- lle aporreou
a porta nen as xanelas. O que si vou recalcar é a falsidade que
Enrique Bande comete á hora de afirmar que alguén na Concellaría de
Cultura quixo “poñer á Pita d’As Eiroás como a persoaxe típica do
noso entroido”. Isto é tan falso como que a Festa da Pita foi nas
primeiras edicións a festa menos subvencionada de todo o concello
e –malia as axudas medraron nos últimos 2 anos- segue sendo unha das
festas peor tratada á hora de repartir os orzamentos desa
concellaría.
En cuanto á
“tradición” desta máscada, se algún xornalista ou persoa doutra
profesión prefire apostar polo sensacionalismo e afirmar que a Pita
é a máscada tradicional da cidade só está actuando na contra da súa
propria imaxe ou critério, pois esta máscara, como indico enriba e
como se indica tanto nos folletos informativos da festa como en
todas as notas de prensa enviadas aos medios de comunicación,
deseña-se –non se recupera, como se ten lido nalgún medio- hai agora
4 anos. Se ben tampouco se faltaría á verdade á hora de dizer que se
trata da primeira máscada (excluindo ás fundas con aerosol) con
intencións de representar algo que se crea nos lindes actuais do
Concello de Ourense... e As Eiroás, señor Bande, mália sexan
arrabaldes, e mália os habitantes sexamos de clase baixa, seguen
sendo concello de Ourense.
Como conclusión, apuntar que para
quen non somos extremadamente conservadores non é un mal síntoma que
se críen novas máscadas (como é a da Pita d’As Eiroás ou as fermosas
Gárgolas de Celanova) pois significa que a festa do Entroido segue
viva, que o mellor Entroido do mundo (o da provincia de Ourense)
segue tendo pulso e que non depende exclusivamente de tradicións
criadas no pasado (porque incluso a máscada máis tradicional ten
unha data de creación).Que escuras intencións, que agochados
intereses perviven por tras destas palabras. Porque se do que se
trata é de atacar aos máis débiles da cidade, sr. Bande, que é algo
ao que n’As Eiroás estamos afeitos, desde logo, nós somos un bon
obxectivo, mais coido que non é este o xeito de dinamizar e
revitalizar a vida cultural desta nosa vella e querida Auria.