|
( Minicentral do río Deva en
Ourense. Observar o tamaño da presa para, prácticamente
un regato. O Caudal ecolóxico incrible.)
Sen embargo, e malia o sinalado anteriormente, é hoxe o sector
enerxético o que está a xerar máis alarma social e fervenzas
de tinta nos medios de comunicación. A política do Plan
Enerxético Nacional para 1991-2000 ía dirixida efectivamente
á procura do dificil equilibrio entre os diferentes obxectivos
a conseguir: potenciación dos recursos autóctonos,
diversificación, minimixación de custos e protección
ambiental; en particular de cara á promoción de enerxías
limpas e renovables. Malia o dito, este obxectivo xeral está
moi lonxe de acadarse na situación actual. A política de
minicentrais hidroeléctricas, baseada en primeira instancia nos
obxectivos anteriormente expostos, presupón a construcción de
máis de 300 destas instalacións na nosa comunidade autónoma
con potencia de 5.000 Kwh, e cun apoio político e económico
que non se lle escapa a ninguén por parte das institucións
autonómicas e estatais. Supoño que ninguén dubida, en
principio, da bondade dos obxectivos sinalados por canto
pretenden, como se dixo, a promoción de enerxías limpas e
alternativas a, por exemplo, centrais nucleares ou térmicas,
con emisións de xofre e CO2 causantes da chamada chuvia ácida
que tantos problemas está a xerar nos bosques de Europa Central
ou do efecto invernadoiro pola queima de combustibles fósiles.
Sen embargo, á vista da importante producción enerxética
xerada nos grandes encoros galegos xestionados por Fenosa,
Iberdrola ou Endesa, á vista dos estragos ambientais producidos
por estes últimos nos ríos do noso país -outrora
salmoneiros-, e á vista do importe do recibo da luz que lle
pasan a cada galego, un pregúntase necesariamente se en verdade
estes innumerables proxectos son tan inocuos e beneficiosos, e
se en verdade é preciso que a sociedade galega teña que asumir
no futuro 2020 todos os custos ambientais derivados sa súa
implantación. En primeiro lugar está claro que o sector é e
debe ser a nivel do estado moi activo e inquedo por canto conta
cun apoio institucional que xa lle gustaría ter a outros
sectores deprimidos da nosa economía, con 334.000 millóns de
pesetas do Plan Enerxético Nacional considerado como unha
estratexia de Aforro e Eficiencia Enerxética, e conta ademais
con importantes e eficaces avances tecnolóxicos con equipos
normalizados e telemandos.
(Minicentral do Deva na Cañiza. Non
ten escalas. As fervenzas situadas a 500 metros quedan
para o arrastre cando turbina.)
Ademais as innumerables correntes
fluviais que surcan o noso territorio en todas as direccións
converten a Galicia nun paraiso de primeira orde para calquer
promotor, con 1.643 Kms de rede fluvial contando só os cursos
principais dos 25 primeiros ríos do país. Estos feitos e
realidades supuxeron xa, no primeiro intre, que Galicia se vira
como a galiña dos ovos de ouro para múltiples empresas, tanto
foráneas como autóctonas de nova creación, empresas que
entraron en guerra total para ver quén delas acadaba a parte do
león. A maior abondamento, este sector, ó contrario do que
sucede co mineiro, xerador de beneficios a sociedade, pois
traballa en terra allea que ten que pagar e xera un importante
nivel de man de obra, emprega un ben público que é a auga e a
penas dá traballo dada a intensa automatización. Por último
resulta extremadamente tranquilizador para o promotor saber que
toda a producción enerxética vai ser adquirida e distribuída
inmediatamente a través das redes de reparto dos grandes
monopolios. Son todos eles factores e circunstancias que xa de
por si, obviamente, animarían a calquera promotor a tentar
minimizar a importancia dos impactos previstos. Incluso a
adoptar, se fora necesario, severas e costosas medidas de
sensibilización social se observan risco nos seus proxectos.
(Minicentral no río Requeixo en
Trives. Observar o caudal que queda no río e o caudal que
baixa pola presa. Incrible.)
Evidentemente son moitos e variados os impactos causados na
producción hidroeléctrica como son a implantación de obras
transversais ( presas) que impiden a libre circulación das
especies migradoras como o salmón, o reo, a anguía, a lamprea,
a alosa ou o sábalo; a alteración da calidade das augas; os
procesos erosivos, o impacto visual , e a destrucción do bosque
hidrófilo de ribeira pola construcción de infraestructuras
como pistas de acceso, canles de derivación ou redes de
distribución; a modificación de leitos e marxes; a alteración
substancial da dinámica do río en canto a canles fluíntes,
perímetro mollado, ou temperatura da auga nos períodos de
turbinación e amoreamento; destrucción de áreas de freza;
mortandade nas turbinas, reixas e canles;disminución
substancial de capturas na práctica da pesca deportiva, etc, e
sobre todo a detracción da canle e a reducción drástica da
corrente fluínte do río ó longo de varios quilómetros.
(Minicentral do río Limia. Observar
como viña o río " a tope" e como se desvia polo
canal "a tope" o caudal ecolóxico vese na
seguinte fotografía. O río Limia queda a partir da presa
como un regatiño de montaña no mes de agosto. Pobre río
Lethes. )
É
loable que a Consellería de Medio Ambiente abrira, por fin,
varios expedientes sancionadores por incumprimento das medidas
correctoras establecidas nos dictames ambientais emitidos por
cada proxecto e por incumprimento no disposto na vixente Lei de
Pesca Fluvial de Galicia 7/1992. En definitiva, Galicia non pode
asumir na magnitude que se pretende, os impactos derivados deste
aproveitamentos hidroeléctricos, máxime cando sabemos que non
van supoñer máis aló do 5% da nosa producción exerxética
autóctona, por moito que o recén presentado Libro Branco da
Enerxía Galega aposte polas enerxías renovables e polo
aproveitamento dos recursos propios, e malia aque os promotores
estean a anunciar insistentemente que a lexislación vixente
lles permite dobrar a actual potencia de 150 MW. 
(Río
Limia. Esto é o que queda da fotografía anterior. Incrible.) Non hai moito,
varios profesores da Universidade de Santiago solicitaron unha
moratoria neste eido apuntando que se trata dun negocio
particular e fabuloso causante de danos irreparables ós nosos
ecosistemas fluviais. A Xunta de Galicia deberá examinar e
analizar detidamente, admitir e rexeitar con independencia, sen
arbitrariedades, con eficacia e profesionalidade, cada
concesión, cada proxecto, sen máis interese có derivado do
propio interese social, na defensa do medio ambiente, e do
progreso ¡naturalmente !. |