NOVA TEMPADA DE PESCA

    Xosé Benito Reza. (Enxeneiro e escritor. Un amigo.) 

 

      Dicía un vello pescador e cazador, amigo do meu pai : " Cando o tempo non é tempo non pasa o tempo". E que razón tiña aquel home, sabémolo ben todos os que nos adicamos ó engailante deporte da pesca fluvial. Pero, ¡ai amigo pesco!, por fin chegou a hora. O domingo verémonos de novo na ribeira. Estes meses pasados non tivemos nin sequera o consolo desa pesca modesta á procura dos ciprínidos. Escacharon os ceos, subiron as augas e ¡por tódolos santos! ata se nos furtou o feble tirón dun escalo ou dunha boga nas mornas augas dos ríos nosos domesticados.

       Só os máis ousados, enfrontados á ira dos ceos, foron que de ir ó encoro para tentar de apañar unha boa carpa, que ainda que logo non se coma, ben merecido é o esforzo se se compensa co tirón seco dun exemplar de quilos, ¿ou non?. Con todo os máis, deixamos os trebellos abandonados no sobrado, languidecendo no luscofusco da memoria: a cana orfa sen carrete, a cesta aburrida coa boca aberta, as caixiñas de mosquitos e de culleriñas arrombadas no silencio, en fin. Pero tamén é certo que hai tempo -sen ninguén sabelo- fomos de visita para lles facer compañía, como para darnos forza uns os outros na confianza de que aló volveremos. Revisar e engrasar o carrete, xirar unha culleriña, probar a forza do fío da bobina, comprobar as plumas dos mosquitos. Teño unha anela da caña solta, ¡que demo!, vou dar unha volta pola armería. Pero o domingo todo ese padecemento non será máis que unha vaga lembranza ó contacto coas augas salvaxes e as ruxidoiras de marzo. O pescador, no mundo ordinario, pode ser o que queira, de feito é moitas cousas; pero cando se transforma en pesco é outra moi diferente.

      É un ser solitario, silencioso, un vagabundo da ribeira mergullado en cabalísticos argumentos sobre o xeito de afrontar con éxito a xornada de pesca. 

      Escruta os ceos, as nubes viaxeiras, calcula a dirección e a forza do vento. Percorre o río cunha tensión contida, cunha ollada estremecida, engruñado no chuvasqueiro. Fura sixiloso a galería de amieiros, pescuda en cada recanto do río, observa unha pedra que sobresae das augas, olla con receo unha ponla traidora, sinte un batuxar próximo e frea o seu andar de repente, como tomado por unha parálise súbita e inexplicable.

     Entón chega o momento tan devecido, e aproxima á liña das augas case tremecendo, con paso cauto para non esvarar nas trampas ocultas do río. Aínda é cedo, hai unha luz esvaecida, nas augas mercuriais aboian toda sorte de reflexos, chirla miudiño na marxen oposta unha papuxa invisible, sopra unha brisiña fresca, e o mundo, o mundo todo, semella estar construido de silencio e humidade.

      Xa na beira hai que precisar . Hai alí, no centro do cauce, un andar antrapallado das augas. A corrente vai forte, con moito desacougo logo de tanta divina chuvia, pero hai un pequeno remanso entrecorrentes, onde o río amolece o seu andante, brillante como un espello. Un bon sitio para estar unha troita. Hai que calcular a forza e a dirección do lance, o movemento circular, de cana, a caída no punto exacto. A culleriña dourada de pintas vermellas cae nun suspiro no seo da barafunda acuática. Os movementos precisos para a levar onda queramos. O carrete é bo pero hai que movelo rápido, moita auga, demasiada, mágoa. O silencio invade o mundo, e o pescador, absorto na faena, viaxa polas ondas do río. 

      De súpeto, a altura do remansíño, un trallazo brutal tensa o fío, a tensión chega ó brazo e o corazón que comenza a traballar con aceleración. ¡ Ceo santo, o que aí ven!. O pescador xa non sabe, nin coñece, nin entende nada, sofre de amnesia total; o único que lle interesa neste mundo é sacar a troita das augas. Por fin pousa a preciosa pintona no verde esmeraldino do lameiro que aloumiña o río. ¡Que bonita é !. Pasa o tempo pero o pescador non lle saca ollo, está como aparvado. É o home máis feliz do planeta.

    Asegúrolles que poucas terapias hai máis eficaces cá pesca deportiva, o sei por experiencia. Aínda temos a sorte de dispor neste Ourense de paraísos inigualables onde practicala, envexa de moitas outras provincias que viven só a conta de tencas e carpas. Se vostede non é pescador, perda coidado, que como un dío o leven a un río e colla unha troita pasará a incorporarse á nosa abondosa e feliz familia polo que lle resta de vida. Un meu tío, que en paz descanse, díxome un día con ollos brillantes: " Só sinto ter comenzado tan tarde nesta arte da pesca, cáseque con cincuenta anos; só pido que, xa teña que ir pro ceo ou pros infernos, haxa alí, cando menos, un río ".

 

Xosé Benito Reza.

( Escrito sacado da Voz de Galicia do sábado, 17-03-2001. Víspera de abrirse a pesca. As fotografías son a maioría do autor da www,   Secundino Lorenzo.). O escrito inda hoxe, febreiro do 2011 paréceme auténtico e marabilloso. No 2020 sigo a opinar ó mismo...

Nota: Xose Benito Reza era en febreiro do ano 2007 o Director Xeral de medio Ambiente de Galicia; no seu mandato fixéronse moitas cousas relacionadas cós ríos xa que el era todo un especialista.

Pouco o deixaron traballar, a política é dificil de entender. Na miña idea estos postos deberan estar ocupados por especialistas no medio...

Hoxe traballa en Medio Ambiente, coma sempre,  e espero que siga a aportar as súas ideas, xente coma el necesitamos moita en Galicia.

¡Saúdos Xosé Benito, unha aperta!

 

salir.jpg (922 bytes) Saír