POSTAIS DE GALIZIA. ROBERTO RIBAO.

Postais de Galizia. Revista Tempos Novos. Abril do 2001. Nena no río Umia.

Escribe Roberto Ribao en Tempos Novos do mes de Abril :

"A maioría dos galegos descoñecen o problema do encoro no río Umia, ó pé mesmo de Caldas de Reis. Malia que os medios o agochen, os veciños de Caldas, Cuntis e Moraña levan seis anos aturando arbitrariedades e mesmo ilegalidades por parte da Xunta e da Empresa Concesionaria, Augas de Galicia. Por no falar de auténticas prácticas mafiosas. Presións e coaccións que chegan a amenazar coa perda do posto de traballo. Sobres cheos de cartos e visitas nocturnas ó estilo Chicago. Aquí sen pistolas, porque os nosos mafiosos sonlle moi refinados......"

A Xunta leva varios anos mentindo. Comezou dicindo que o encoro era necesario para abastecer de auga a comarca do Salnés e agora constrúe dúas centrais e fala de aproveitamente hidroeléctrico. Presentou un Estudio De Impacto ambiental copiado dunha presa de Huelva e nin siquera se preocupou de trocar os topónimos e os nomes das especies andaluzas. O último calote, do mesmo Fraga que, cunha caradura moral impropia do seu cargo, aproveitou as primeiras enchentas do inverno para lembrarlles ós veciños de Caldas que lle agradeceran as súas desgracias ós que se opoñen ó encoro. Non creo que Fraga descoñezca o informe do propio anteproxecto da Xunta, asinado polo Director Xeral de Obras Públicas, no que se afirma que a presa non soluciona os asolagamentos porque estos son debidos ós torrentes estacionais dos ríos Follente e Bermaña, que verten as augas na mesma Vila de Caldas, máis abaixo da presa. ¿ Por que tanto engano ?

Varias sentencias do TSXG durante o ano 1999 anularon as expropiacións porque non se acreditaba a urxencia de necesidade de auga. Malia isto, nunha actitude prepotente, Xunta e Delegación de Goberno permitiron en reiteradas ocasións a ocupación das terras, arrasando todo o que atopaban ó seu paso. Como no pasado febreiro, cando se fixo a foto, onde estragaron unha fermosa ribeira do Umia, mesmo tronzando carballos centenarios. E a Garda Civil protexendo a "Kale Borroka" empresarial e Administrativa, ferindo varios veciños e impedíndolles acceder ás súas propiedades( súas, mentres o Supremo non diga o contrario). Que triste profesión a de Garda Civil que, cumprindo órdes, troca a súa encomenda social e defende ós poderosos de veludo e coche oficial en vez de ós aldraxados.

 

Postais de Galizia. Revista Tempos Novos. Abril do 2001. Nena no río Umia.

 

Un encoro sempre ocasiona perdas socioambientais e ata económicas. Por iso ten que estar ben xustificado. O comportamento das autoridades neste caso fai pensar que non hai razóns sociais e sí intereses privados. Se non, non se entenderían nin os procedementos mafiosos nin as mentiras, que adoitan agromar cando se desprezan a lei e a xustiza. Os galegos non andamos moi sobrados de espíritu crítico e de control dos nosos dirixentes. Pero quen vota a persoas que proceden deste xeito a sabendas, é tamén responsable socialmente das súas falcatruadas.

 

NON O ENCORO DO UMIA:

 MONUMENTO A PREPOTENCIA DA XUNTA.

Postais de Galizia. Revista Tempos Novos. Abril do 2001. Nena no río Umia.

"Talas salvaxes de carballos centenarios, nas ribeiras do Umia. Febreiro do 2001"

Entrar na folla www do encoro do Umia.