AS MINICENTRAIS E A LITERATURA.
(Inicio esta parte da miña folla www facendo referencia a tódolos libros que falen, inda que sexa de pasada, das minicentrais galegas. Solicito colaboración. Escribir o meu correo.)
Correo.
Arredor do meu río. Xosé Bergantiños.
Arredor do meu río.
Autor :
Xose Bergantiños Miragaya.
O autor fala do seu río nun libro fermoso para amantes dos ríos , das fontes e dos camiños galegos.
Merece a pena.
O autor fala do seu río nun libro fermoso para amantes dos ríos , das fontes e dos camiños galegos.
Merece a pena.
O autor naceu en Guitiriz no ano 1936. Oficial da Armada, traballou longos anos na Bazán e logo na empresa privada.
Actualmente na reserva, fai un pouco de todo: escribe, camiña, pilla algunha troita de cando en vez e está cada día máis preto de atopar o misterio agachado máis alá dos ríos, das fontes e dos camiños.
O libro está publicado en 1996 na Editorial "Ir Indo" de Vigo.
(O libro ten 27 relatos maravillosos, escollo un que fala das minicentrais eléctricas. Merece a pena leelo.)
Delicto ecolóxico.
Onte estiven de novo no meu río. Había varios días que sentía a súa chamada. Bo desgusto o que me deu. Agora vos conto.
Saín cedo da casa cun ceo cheo de nubes que foi clarexando conforme me fun achegando ó río. Unha paradiña na Fonte Santa para beber un groliño de auga, como xa é costume, e logo todo a feito ata a ponte da Roda Maía para lle facer unhas fotografías. Leva xa un bo caudal, coas augas limpas de sempre correndo lixeiras río abaixo, como se tivesen presa por chegar ó seu destino.
As árbores teñen a cor do ouro bello, que é o que lles cómpre nestas datas. ¡ Quen soubese pintar !.
De seguido subín o monte chamado Penedo do Boi, a uns seiscentos metros de altitude, coa idea de baixar de novo o río. Alí, sobre unhas penas, senteime a xantar algo e, ó mesmo tempo, a admira-la paisaxe. Por riba de min soamente o pico Serrón Gordo, con case setecentos metros; debaixo o río, alá no fondal, a uns trescentos metros, deixando oír con toda nitidez o discorrer das augas na súa desenfrenada carreira.
Vai crecido o meu río despois das últimas choivas, ¿ ou é que vai fero polo que estou a piques de ver dentro de pouco?.
Ata agora o tempo é bo, con nubes e claros que orixinan unhas raiolas moi agradables. De súpeto, por entre os montes, vexo vír unha gran neboeira que o cobre todo a gran velocidade, e en pouco tempo encóntrome no medio e medio dela sen poder ver máis alá dos meus pés; só unha espesa brétema ofrecendo unha visión que me fixo pensar no que pode se-lo-infinito ou a nada, que debe se-lo mesmo.
Decídome por fin a baixar de novo ó río e fágoo por unha pista, oio ruído de máquinas e, ó da-la volta, vexo unha pa desas xigantes que tal semellan montros doutros tempos e que fan nunha hora o mesmo traballo que vinte homes nun día, atendidas por un só. Outros dous homes manexando martelos neumáticos arranxan barrenos para voar uns penedos.
Unha vez que saudei e preguntei, infórmanme de que a pista vaise unir con outra que están a facer na central sobre do río o que xa pouco lles falta para chegar cabo dela.
Sigo coa miña andaina, moi abraiado polo que acabo de oír, cismando que están profanando o meu río, que están matando o seu encanto e que dentro de pouco estará cheo de coches, de xente, de nenos e de lixo.
Repentinamente, sobresaíndo sobre das árbores, vexo xurdi-la estructura metálica dun grandísimo guindastre e aló en baixo, xa no río, no mesmo Pozo do Castro Rodicio, unha arrepiante fábrica de cemento armado que non é máis que o muro de contención dun encoro, pero a min me asemella unha ferida na paisaxe.
( As ilustracións son de J. González Collado)
Acércome moi alporizado, e xa dende cerca podo ve-la maior das aldraxes que se lle pode facer a un río. Resulta que como o muro está en construcción, teñen que darlle saída a auga, e fano por .... un tubo de ferro duns oitenta centímetros de diámetro. Eu dígovos que é unha afronta moi grande meter toda a fermosura dun río por un cano enferruxado.
¿ Que vai ser do meu río cando estea construído o encoro se, dende a central, augas arriba del van desaparecer asolagados varios quilómetros das súas fermosas ribeiras?.
¿ A que se lle ocurreu este proxecto ? ¿ Fixo alguén un estudio ecolóxico do río, dos montes, das árbores e tódolos seres que son os verdadeiros donos del ?.
¿ Preguntoulles alguén ás aguias, ós buxatos, ós lobos, á xineta e ó martiño peixeiro ?.
¿Pode alguén amosarme un papel asinado por estos animais onde figure abaixo á esquerda o visto e prace daquela troita de tres quilos que ainda vai polo río coas miñas gafas postas ?.
¿Quen son os beneficiarios da central ?. ¿ Pode alguén asegurarme que os homes que viven á beira do meu río van ser máis felices de agora en adiante?.
Agora xa sei por que me chamaba o río, pero eu, desgraciadamente, só podo denuncia-lo caso e así o fago dende estas liñas.
Emprendo o camiño de volta ben desacougado polo que acababa de ver e cunha idea fixa nos miolos: dentro duns meses, cando empece a tempada das troitas, ¿ que hei facer cando chegue ó río e debaixo de cada árbore atope un pescantín deses da cidade que, cuns aparellos noviños de todo que dá noxo velos, o único que fan é embala-las troitas e escarallo-lo río ? E, o que é máis grave, ¿ que hei facer cando dentro de poucos anos, ou meses, xa non queden troitas no meu río, esgotadas polas malas artes, pola avaricia e polo lixo ?.