COMUNICADO DA
COORDINADORA ANTI-ENCORO DE CALDAS DE REIS, CUNTIS E MORAÑA
A Coordinadora
Anti-Encoro esixe ó Conselleiro de Medio Ambiente que faga públicas
as cantidades –primeiro en pesetas e despois en euros- do erario
público que se teñen fundido na obra do encoro.
Ese é un dato
crucial para adoptar decisións cara ó futuro porque nin é o
conselleiro, nin é o responsable de Augas de Galicia, nin é o
presidente da Xunta os que van pagar do seu bolsillo as novas
actuacións que se anuncian no Umia.
É un dereito da
cidadanía, que é en definitiva a que paga todo e a todos, que se lle
digan cantos cartos se destinaron desde que nun principio licitaron
a obra por preto de mil cincocentos millóns das antigas pesetas, ata
o día de hoxe.
É mentir
descaradamente á cidadanía dicir que o encoro regula o caudal do río
(¿onde estaba o señor conselleiro no 2006 cando se inundou
Caldas?). É mentir descaradamente tamén cando, a sabendas,
infravalora o perigo da microcystis para a poboación só para manter
no río un aproveitamento privado.
En calquera caso
a rigurosidade de Agustín Hernández quedou ben patente para todos
cando asinou a famosa fe de erratas do estudio de impacto ambiental
(lembremos: donde dice Puebla de Guzmán debe decir Caldas de Reis
…), pero como responsable público ten a obriga de actuar con
transparencia cando se fala de cantidades en millóns de euros, que
son de todos nós.
A posición da
Coordinadora é clara e meridiana desde un principio: o encoro non
era para abastecemento de auga senón para aproveitamento
hidroeléctrico, e o paso do tempo non fixo senón confirmar aquela
verdade. Por iso, non flaquearon loitando contra aquela obra
fraudulenta e agora tampouco flaquearan para conseguir que o encoro
desapareza do río. Sen presa pero sen pausa seguirán denunciando as
irregularidades do Umia.
Respecto da
postura doutros personaxes nesta historia, como o alcalde de Caldas
Juan Manuel Rey, a Coordinadora non pensa entrar a valoralas, toda
vez que este responsable municipal un día defende a construcción do
encoro como remedio ás enchentes e ó día seguinte pide a demolición,
culpabilizando exclusivamente á Xunta dos problemas coa auga,
despois da estreita colaboración para o peche de comportas no ano
2001.
A construcción
do encoro foi un fraude e agora segue sendo un fraude o que
proxectan. Para a Coordinadora falta o estudio principal e o que
remataría para sempre co problema da toxina: o proxecto de
desmantelamento do encoro.
Caldas de Reis,
a 16 de novembro de 2010
