A NOSA VISIÓN  DO QUE ESTÁ PASANDO NO  ENCORO  DE  CALDAS  e  O RÍO UMIA . ESTASE A MALGASTAR MILES DE EUROS DE TODOS OS GALEGOS.

Carta da Coordinadora Antiencoro de Caldas, Cuntis e Moraña.

 

“Auga corrente, non mata á xente; auga encorada auga envelenada …”

Este dito popular ten explicación científica no caso do Umia. A saber: desde o 2006 en que se soubo da existencia da cianobacteria no río, a Coordinadora dixo mil veces que este microalga non se volve tóxica cando a auga circula, esto é, cando o río discurre libre, sen atrancos como o encoro, e que só medra e produce ese “bloom” tóxico cando a auga está estancada.

 

Todos os que saben algo de ríos e do seu ecosistema saben iso, pero á Xunta e ós que se enriquecen co problema do río interesalles sembrar a confusión e botarlle a culpa á sequía (aínda que o ano pasado non houbo sequía, nin o anterior …), ou ós famosos verquidos por actividade agrícola e gandeira … ogallá houbera actividade agrícola e gandeira na zona …

 

A Coordinadora fai un chamamento á cidadanía, que é a que costea esta aberración, para parar xa tanto derroche de carto público, que nada soluciona e só enche os bolsillos de catro aproveitados.

 

Debemos todos pedir explicacións á Xunta de porque van invertir agora 22 millóns de euros en recuperar un río que destruíron eles, e que ten unha solución mais ecolóxica, económica e definitiva como é o desmantelamento do encoro, poñendo por diante os intereses xerais ós privados, o que permitiría de novo o uso secular do río como lugar de esparcemento e, o mais importante, como abastecedor de auga libre de toxicidade.

 

Despois da inxente cantidade de cartos malgastados (o proxecto, a contrucción, o reforzo do muro polas gretas aparecidas, a ducia de estudios pola existencia da toxicidade, a construcción da ETAP de Caldas, os contratos para limpeza e recuperación das marxes, os dragados, as cisternas, o carbono activo, as analíticas, … así ata casi 30 millóns de euros …) agora outros 22 millóns de euros máis. ¿Que intereses defende a Xunta?.

 

Seguiremos falando do Umia. Así estamos desde o 17 de abril de 1998 que comenzaron –de noite- as obras. Mentras tanto seguirán distraendo a nosa atención coa sequía e con estudios para eliminar o problema que eles mesmos crearon.

 

Hai mais culpables que os da Xunta. Hai pecados por acción e por omisión … municipal. Falta coraxe, honestidade e sobre todo, respeto ás persoas e á natureza.

E a Coordinadora advirte: Co encoro, cando non chove, malo, pero se chove moito, peor.

Será por iso que se está reforzando outra vez o muro da presa.

 

Se no ano 1998 se fixera caso á Coordinadora ¡cantos cartos e digustos houbéramos aforrado!.

 

20 outubro 2011.

 

Coordinadora Antiencoro de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña.

 

 

Saír.