Autor do libro   XOSÉ FERNÁNDEZ FERREIRO.

"Morrer en Castrelo do Miño"

Xosé Fernández Ferreiro .

NOTA DEL AUTOR.

0 que eu chamo «conspiración do silencio» da que foi víctima esta novela por parte de Fenosa e o inmenso poder que o conde do mesmo nome tiña en toda Galicia -e fóra dela-, penso que é algo que debe ser coñecido polos lectores desta nova edición. Situémonos nos tempos en que ocorreron os feitos.

Morrer en Castrelo do Miño foi publicada en 1978, uns doce anos despois de ter acontecido os sucesos que nela se relatan. Era a miña segunda novela. Sendo un tema que tivo tanta transcendencia e eco en Galicia -e mesmo no resto do Estado- do que os medios de comunicación se ocuparon amplamente no seu día, resulta polo menos sospeitoso o silencio que recibiu o libro nos citados medios galegos cando apareceu nas librerías, aínda tendo en conta o escaso espacio que estes lles dedican sempre ás novidades editoriais.

La Voz de Galicia -da que eu era redactor­ publicou un comentario encargado polo director, Xoán Ramón Díaz, ó tamén redactor Xosé Luís Vilela. Foi, penso eu, un comentario de compromiso e de deferencia cun traballador da casa. Ou quizais para evitar publicar outros, porque presións sei que as había por parte de Fenosa. «Non se publicarán máis traballos sobre a túa novela -chegou a dicirme o director- Só se publicará o de Carlos Casares, se é que o manda.» Carlos Casares asinaba daquela unha sección semanal titulada «A ledicia de ler», onde facía reseñas de libros recentes, como as fixo de A morte de Frank González, A saga dun afiador e outras novelas miñas. 0 traballo de Carlos Casares non chegou. E se chegou non saíu. É algo que descoñezo.

Tamén o meu amigo, redactor por aqueles anos de El Ideal Gallego, Xosé Antonio Gaciño, publicou. unha breve nota na que relacionaba Morrer en Castrelo do Miño con 0 vello e o mar de Hemingway, tema sobre o que logo insistiría Arturo Lezcano, igualmente compañeiro e amigo meu na redacción de La Voz de Galicia.

Ningunha outra publicación galega deo noticia da aparición da novela. Supoño que a man alongada de Fenosa por aqueles tempos tivo algo que ver no asunto. Sen embargo, dous importantes periódicos de Madrid, ocupáronse dela. Foron ABC e mais Pueblo. 0 comentario -ou, crítica- do primeiro estaba asinado por Celso Emilio Ferreiro. 0 segundo, por Miguel González Garcés. Dúas personalidades ben coñecidas por todos.

Con motivo da publicación do libro, Luis Caparrós, xefe de relacións públicas de Fenosa, que fora redactor de La Voz de Galicia e daquela seguía a colaborar frecuentemente no xornal, mandoulle un artigo ó director no que nos poñía pingando tanto a min como á novela. Naturalmente, o director -anque Fenosa pesaba moito no citado rotativo por razóns que non veñen ó caso- non publicou o escrito de Caparrós. Foi o propio director quen me informou da existencia do mesmo, dicíndome que sendo eu redactor de La Voz non o ía publicar porque non lle parecía procedente. Eu díxenlle, pola miña parte, que o publicase, que non tiña ningún inconveniente en que o artigo de Luis Caparrós contra a novela e contra min vise a luz -sería propaganda-, dado que eu sempre admitín as críticas, fosen boas ou malas, tanto no terreo do xornalismo coma no da creación literaria, e se teño recibido alabanzas tamén me teñen posto a caer dun burro. Total, que o traballo do xefe de relacións públicas de Fenosa non saíu. ó mellor só foi para evitar posibles polémicas.

0 curioso é que Luis Caparrós -un andaluz moi simpático e non mala persoa- en máís dunha ocasión se tiña referido a min de maneira moi eloxiosa nos seus artigos periodísticos, especialmente polas miñas crónicas nas «páxinas galegas» de ABC. Pero tamén teño que dicir, sen resabio de ningún tipo contra el, que cando xurdiu o problema do salto de Castrelo do Miño -ata onde me despracei varias veces para facer reportaxes e crónicas sobre o suceso (o pobo estaba en pé de guerra)- Luis Caparrós chegou a dicirme que «non me ocupase tanto do tema», «que xa estaba ben». Incluso me confesou que lle «sacaba o sono». Textual.

Eu contesteille que el, no fondo -como xornalista que era e home amigo da xustiza e da verdade, que defendía, aínda que sobre outros temas, nos seus escritos-, tiña que estar de acordo comigo. É dicir, coas miñas críticas contra Fenosa e as miñas simpatías polos veciños de Castrelo. «Comprendo -díxenlle- que defendas á empresa para a que traballas que é a que te mantén a ti e ós teus fillos de maneira moi xenerosa. É algo que me parece lóxico. Tal vez eu fixese o mesmo no teu caso. Servilismos que un ten que aceptar. E aí seguramente estás comigo.» Entendeuno. Por eso sempre seguimos mantendo unhas relacións cordiais, ata que morreu, aínda que en frontes opostas, naturalmente, no que atinxía ó «caso» de Castrelo. «Amiguiños si, Luis -díxenlle outro día na redacción de La Voz de Galicia- pero como dicimos nós os galegos, a vaquiña polo que vale. Ti debes defender os intereses de Fenosa, sendo como es o seu xefe de relacións públicas, pero eu debo defender os intereses da xente á que lle van inundar as terras. Agradézoche que o entendas tamén.» Desde entón nunca máis me volveu dicir nada, aínda que sei que non lle parecía ben o que escribía. Porque eu, gota a gota, deixaba caer as miñas críticas -ás veces ben acedas- contra Fenosa e contra o encoro de Castrelo do Miño.

A novela foi presentada na librería Arenas dos Cantóns coruñeses polo profesor Varela Jácome. Do acto tampouco se ocupou ninguén. Unicamente La Hoja del Lunes da Coruña, que era editada pola Asociación da Prensa á que eu pertencía -e pertenzo- e dirixida polo meu compañeiro de La Voz de Galicia, Emilio Merino, publicou unha cumprida reseña do acto cunha fotografía do mesmo.

A primeira edición de Morrer en Castrelo do Miño foi publicada por Ediciós do Castro, cunha portada de Xosé Díaz na que aparecía un poste da conducción eléctrica co coñecido letreiro da caveira e a lenda «perigo de morte». A segunda edición, facsimilar, lanzouna Diario 16 de Galicia hai uns anos. Esta que aparece agora é a terceira. Actualicei o idioma e tamén lle din uns retoques ó texto, pero non alteran para nada a primeira versión.

 

Xosé Fernández Ferreiro A Coruña, 1995

salir.jpg (922 bytes) Volver .