Baile de máscaras

 

Un artígo que aparece en O Sil  no entroido do 2009.

Persoalmente gústame moito.

Escribe Carlos Rguez Calvente.

     Ver o texto

      Volver.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Baile de máscaras.

         

    

 

Texto de Carlos Rodríguez Calvente, pedagogo e mestre. Natural de Castiñeira. Vilariño de Conso.

 

 

Peliqueiros, cigarróns, pantallas, boteiros… Todos bailan a vida mirando atemporais o decorrer da nosa cultura. Na súa danza  marcan pasos e estilos comúns que nos vertebran como país, como unidade de persoas que participan da mesma festa, emocionándose en conxunto, como sociedade en definitiva.

 

Estoute agardando. Vés disfrazada? Non o sei, na quedada da mensaxe non eras moi explícita.   Querías sorprenderme? Conseguíchelo.

 

Agárdote mentres a fariña volve ás rúas brancas de novo en Viana. Esta mañá os boteiros do Val de Conso danzaban en Vilariño. En Viana os boteiros, acenábanlle ás miradas dos veciños e das veciñas dando brincos ao redor do pilón no que aínda ficaba unha pombiña, feita con mans cativas, para a lembranza de Suso. Na tele, os cigarróns corrían en Verín mentres en Laza os peliqueiros agardaban a saída da misa dos e das crentes. Podíamos percorrer grande parte do País e ver que todos a unha, dun xeito e doutro, coa súa máscara, co seu correr, con brincos, vinchas e moncas expoñen o triunfo da vida, o renacer do ano, a volta do zume ás árbores… Despois do duro inverno, a primavera avanza sen deterse.

 

Algunhas vilas súmanse ao entroido con folións e acollen máscaras xurdidas na aldea e ritos que se afastan do baile de máscaras e disfraces. Véndese a tradición? Non, espállase... Cada quen incorpora actividade cultural á súa vida, cada colectivo, se suma a un feito cultural, que lonxe de ser bilingüe, e a prol de ser harmónico, exprésase en galego dende a súa orixe e suma, dende cada folión.

 

É por iso que… mércanse bombos para cativos e cativas e medran os folións con eles, así tamén medran moitas máscaras, construíndo o sentimento común, colectivo. Unión de unións, harmonía. O Entroido cadra fóra de triángulos e círculos. O entroido cobra esencia, no seu espazo, o mundo da participación colectiva, e da actividade social.

 

Un puñado de fariña vólveme á realidade, o sorriso dunha moza embozado tras un palestino  me di que xa estás a tardar de máis.

 

- Os que veñen sen máscara teñen fariña, os dos disfraces non. Ti non tes disfrace, xa que logo, fariña…

 

O sorriso comunica travesura, xogo e vida. Sabes que… ese sentir da vida concéntrase no entroido, igual que na primavera que malia a todo, non se detén…

 

Os disfraces están a bailar na praza, e andan dun lado a outro e penso nas diferenzas existentes entre unha máscara de calquera disfrace de calquera entroido do mundo e a careta dun boteiro, unha pantalla de Xinzo, a faciana dun cigarrón ou a expresión do peliqueiro. En calquera delas estamos todos e todas nós, está a nosa historia, están as lembranzas e en grande medida está o noso futuro se queremos seguir sendo como somos.

 

Outra puñada de fariña e máis sorrisos, a praza de Viana cobra vida e ritmo, aos toques das eixadas e os bombos, e nas carreiras de mozos e mozas que andan a fariña repetindo un rito máxico e de longo recorrido no tempo.

 

Ao fin chegaches, vés acompañada por amigas e amigos, algúns de fóra, vides de Verín e a sorpresa polo descubrimento coñécese nas súas caras. Ningún deles imaxinaba algo así, unha moza vén disfrazada de demo, e outra de enfermeira, un mozo de vampiro e outro de indio, o resto, veñen sen disfrazar…

 

Os disfraces bailan na praza ao ritmo de folión. A fariña branquea nas caras, nas roupas , nas rúas, nos bares…

 

Aos de fóra lles resulta, incríbel, e a fariña e as máscaras fan unha mestura de medo e desexo, de querer e non querer xogar, lembra sensacións de nenos ou nenas, unha proposta que integra na participación e no rito cunha verbas como:

 

- Os que veñen sen máscara teñen fariña, os dos disfraces non. Ti non tes disfrace, xa que logo, fariña…

 

Ao pouco tempo estamos a bailar xuntos, moitas máscaras de disfrace bailan, outros, coma nós estamos cheos de fariña, un bico con sabor a pan e un sorriso:

 

- Sabes que… Me encantan os boteiros…

 

- E a min as mozas rebozadas…

 

O noso grupo de amigos, mozas de Madrid, un mozo de Valladolid, unha parella de Valencia, e outros mozos de Badaxoz bailan ao noso carón e piden, en galego, Máis Fariña, e máis folións.

Nestes recunchos do país, nestas bisbarras ourensáns, as máscaras bailan, son expresión colectiva e diversa, enriquecedora para todos e todas nós, a primavera está a vir sen deterse,  baile de máscaras ourensán, ritmos de folións, miradas e harmonía, entroido sen xeometría, harmonía e participación, ti e máis eu, todos e todas os de dentro e os fóra, todos e todas nós, máis entroido, máis folións.

 

 

 

Volver o Entroido.