Entrar na dimensión lúdica da festa

Un artigo sensacional que aparece no periódico O sil o 4 de febreiro do 2007. "Especial Entroido 2007"

Escribe Ángeles Rodríguez.

      Ver o texto

       Volver.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Entrar na dimensión lúdica da festa.

Os xogos de Carnaval, revestidos de bromas e loitas rituais, constitúen unha das manifestacións máis características dunha festa que se basea no principio da risa.

(Ángeles Rodriguez. O Sil. Febreiro 2007)

Xinzo conserva aínda o "Domingo oleiro", no que se desenvolve o xogo das olas. O que se lle cae a ola perde.

Entre as prácticas carnavalescas está a de botar fariña, pero tamén cinsa, borralla, e mesmo formigas coma na imaxen.

A esencia lúdica:

O Entroido resume todos os elementos de espíritu lúdico e festivo das celebracións populares máis antigas que desapareceron. Nel suspéndense a duración do tempo concreto, que se detén para acceder o tempo mítico.

 

Libertade, espontaneidade e leis

  Malia que na festa e na súa dimensión lúdica cada individuo se amosa de forma libre e espontanea, apartándose das formas de comportamento da vida cotiá, os xogos e as bromas do entroido teñen as súas propias leis.

O mundo do revés.

  A inversión da orde moral das cousas ten un papel central no Carnaval, con formas de comportamento desacostumadas, xogos e actos que incluían certos animais e obxectos. No tempo da festa impera unha "violencia establecida".

 

Un feixe de xogos case perdidos.

   Malia que algunhas das bromas e xogos do Entroido se conservan, como sucede co das olas, coas fariñadas ou coa corrida do galo, boa parte deste legado carnavalesco ligado ó mundo rural foise perdendo.

 

 

   

 

 

    Caras tinxidas de branco e prazas cubertas de capas de fariña. Este é o rostro que amosan as rúas de boa parte das localidades da Provincia de Ourense cando chega o Entroido. As fareladas constitúen unha das primeiras manifestacións desta festa, na que só pode vivirse dacordo ás súas leis: as da libertade. Esa é a esencia do Entroido.

           Non ten fronteira espacial, nel vive e participa todo o pobo, e baséase no principio da risa e da burla. E dentro dos elementos que conectan á persoa con esa especial dimensión está o xogo, onde cada individuo se amosa de forma libre e espontánea, e se aparta da vida cotiá, da rutina. As fareladas, a farrapada, o xogo das olas ou a corrida do galo son tan só unha mostra da ampla e rica perpectiva lúdica que presenta o Entroido tradicional galego.

          Ademais de impregnar cada aspecto da festa, o xogo é creación e inventiva, cunha orde, límites e ritmos propios e onde incluso se establecen cambios de papeis, inversións e mesmo loita entre sexos. Apoiase na participación e implica un xeito de comunicación, na que se xera unha relación de igualdade entre os membros do pobo e se reforzan os seus lazos.

           A dimensión lúdica é inherente ó Entroido e na tradición galega son múltiples os exemplos de bromas e xogos, algúns deles cun poso que, ós ollos actuais, mesmo semella violento. Sen embargo, a perda da tradición do Entroido rural, desembocou asemade en que moitos deles desapareceran ou mesmo se modificaran e tan só permanezcan vivos na memoria dos maiores tal e como eran orixinariamente.

As fariñadas son outras das referencias do Entroido en zonas como Viana

As fariñadas son outra referencias do Entroido en zonas como Viana.

               Din os expertos que o Carnaval resume todos os elementos de espíritu lúdico e festivo das celebracións populares máis antigas que desapareceron. Nel suspéndese temporalmente a duración do tempo concreto, que se detén, para acceder ó tempo místico. Tempo que conclúe nos lindeiros do Mércores de Cinsa.

               Un período temporal, que como sucede cós xogos, tén as súas propias normas. "No Entroido", aseguraba Vicente Risco, caducan tódolos perceptos, usanzas, costumes e leis do tempo ordinario; é un tempo de tolería, que dura o tempo que dura o boneco de palla. Mais a tolería ten tamén as súas leis, tan estreitas e rigurosas, ou máis, do que as dos días correntes. Hai unha "lei", un "estatuto" do Entroido, con valor de dereito positivo". Entre as obrigas dos veciños están as de "levar ben as bromas por pesadas que sexan; de non traballar no luns e martes; de aturar que lle boten a un auga, farelos, borralla, tinta, ovos choscos, etc. ".

                Dese mesmo xeito se manifestan autores como Julio Caro Baroja "O tempo de Carnaval distinguíase, en primeiro termo, porque durante el realizábanse unha serie de actos que, con frecuencia, teñen aire de xogos de ritmo violento. Dende un punto de vista puramente mecánico poderíamos dicir que un dos seus rasgos esenciais era o de que impoñía movementos desacostumados ós que celebraban e tamén a certos animais e obxectos. Dende o punto de vista social, o que imperaba era unha violencia establecida, un desenfrenos de feitos e palabras que se axustaba a formas específicas; así, a inversión da orde normal das cousas tiña un papel primordial na festa".

A farrapada é unha auténtica batalla de trapos enchoupados de lama e bulleiro.

Destreza e habilidade son as claves para recoller a ola e evitar que caia ó chan e rache.

                 Entre esas prácticas carnavalescas está botar farelos, cinsa, borralla, formigas, tiznar a cara, botar ovos e lanzar auga, roubar potas da cociña ou comida, cambiar de sitio carros e outros obxectos pola noite, romper ollas, correr galos, queimar estoupas, fustigar...

             Algunhas delas consérvanse como a das fariñadas que perviven con forza en diversas localidades da Provincia de Ourense como Viana do Bolo, onde as rúas amencen vestidas de branco, como se dunha nevada se tratase. Por contra outros costumes, como o de queimar estoupas, tiznar, emborrallar á xente foron esquec´çendose. Nicolás Tenori na súa obra "A Aldea Galega" dá testemuño da existencia en Viana deste tipo de bromas e xogos.

              "Pola tarde do xoves (de comadres) forman comparsas de mamarrachos, sendo as máscaras clásica o que chaman zamarreiro, un mozo coa cara tiznada, as roupas voltas do revés, un cinto con esquilas e cencerros e na man un pau ó que ata un trapo bastante sucio co que, por gracia, dá trapazos a todo o que se lle antolla é encontra ó seu alcance".

Olas con confetis. O da piñata é un xogo que presenta semellanza co das olas.

Chandrexa é un dos poucos lugares onde aínda pervive a corrida do galo.

                 Un costume con certas similitudes é o da farrapada que aínda se mantén vivo en Laza o "Luns borralleiro". Trátase sen embargo dun tipo de loita na que os participantes se distribúen, por regra xeral, en dous grupos e lánzanse entre eles anacos de tela mezclada de lama e bulleiro.

                   O que si se perdeu no Entroido vianés foron os foguetes, que se preparaban con pequenos envoltorios de estopa ós que se lles prendía lume  e candop estaban ardendo achegábanos "a cabeza ou as barbas do contrario se é home, ou colocábanos debaixo das enaguas" no caso das mulleres, citando a Tenorio. Os veciños dos pobos de Viana do Bolo lembran aínda esta práctica.

                  Asemade semellan case perdidos os xogos de auga en Ourense que menciona Julio Caro Baroja, xa en relación co Entroido Urbano. "O botar auga con xeringas era propio das señoritas de Ourense aínda a comenzos do século XX, ae antes semella que as mozas eran apedreadas con ovos, de sorte que se asomaban ás ventanas coa peor roupa que tiñan". Matiza ademáis que na Galicia Rural a xeringas feiras de cana chamábase "cichoto" ou "cichote", e o día "indicado e permitido para botar auga a´s mozas con ela era o domingo de saxaxésima", se ben despois había tamén unha loita entre os mozos, na que se levaba auga a caldeiros. Vicente Risco detallaba que mesmo había lugares nos que os rapaces agardaban en puntos concretos para "cichar auga na xente" a saída da misa.

               Sen embargo, Risco subliña que a arma máis temida do Entroido, eran as formigas, cuio uso situaba en localidades como Allariz, San Pedro de Moreiras, Xinzo de Limia, Carballedo (Lugo) e Laza., entre outros sitios. Na actualidade esta práctica vencéllase especialmente co Entroido ourensán de Laza. Relata Risco que se collían as formigas vivas "nos formigueiros, procurando de preferencias as meirandes, negras ou vermellas, das que se chaman formigas lobas, que morden como diaños, e lévanas en saquetas para botárllelas ás mulleres".

               O costume de cambiar os obxectos de sitio, como por exemplo carros, remite a rituais propios de finais de  ano como poden ser ocaso das "xcastronadas" que aínda se celebran en novembro nalgúns pobos de zonas como Manzaneda. No entroido tamén era habitual "roubar determinados obxectos das casas, por exemplo, cacharros con leite ou simplemente recipientes de uso doméstico"., así como coler "cantos apeiros de labranza ou trebellos se encontren nas cortes e dependencias da casa de labor, granxas, etc e interceptar os camiños ou os pasos en xeral".. ou "colgar os carros dos árbores, botalos ó río ou facelos rodar", seguindo a Caro Baroja.

                Por outra banda tenorio fala nos seus textos dos roubos de xantares que tiñan lugar o Domingo Gordo en Viana, "cando supoñen que a comida est´ña preparada nas casas, os homes, por parellas, adícanse a roubar postes e ollas das cociñas. Válense de mil tretas para o caso, e cando se decatan as mulleres da casa acuden á defensa e loitan con eles a brazo partido".

               Dentro do xogo, estaba tamén a astucia femenina. Narra Tenorio que ás veces o pote ou a olla roubada non contiña comida senón só auga quente. "e así resulta gato por lebre, quizais despois de terse feito algunha queimadura, pois e ardid das mulleres esconder o que guisan". Co roubado os homes ían ó campo e daban conta da comida e de volta, traían os "potes e ollas baleiras, colgados en paus, pasean con eles polas rúas a maneira de procesión e van deixando en cada casa o que lle pertenece".

                  Do mesmo xeito, o investigador Xerardo Dasairas sitúa tamén en terras de Riós este tipo de xogos e bromas. "As bromas eran abondosas e variadas: dende o roubo de comida (pés, lacóns, chourizos...) nas lareiras e cociñas ata o lle prender lume na coroza de quen estuvera arando ou pasase pola rúa". E comenta que era semade habitual "o uso de penichos e cichotes para emporcar á xente despois de telos enfariñado".

                   A presenza doutro tipo de xogos, como son os do azar, tamén se percibe no Entroido. Así hai expertos que sinalan que nesta festa se celebran partidas de cartas e mesmo o boneco do carnaval representábase cunha barralla de cartas na man, mencinando a Mariño Ferro.

                  Outro xogo habitual e que ademais abre o calendario da festa en Xinzo é o das olas, o denominado "Domingo oleiro". Consiste en que os participantes lánzanse uns a outros pucheiros que se teñen que coller no aire para evitar que se rachen ó caír ó chan. Aquel o que e lle caia, perde. Tamén en Xinzo continua a celebrarse o domingo de piñata, ó redor tamén dun xogo, parecido ó das olas (pignata é ola en italiano).

                   En numerosas localidades da provincia celébranse asemade as corrias de galos, un xogo relacionado cós nenos, pero que oprácticmente desapareceu, agás noi caso de Chandrexa de Queixa. En relación con isto, Vicente Risco cita ademais carreiras dacabalo como un costumne propio do tempo de Carnaval en Lobeira, "tomando parte mozos de tódalas aldeas de arredor. Non había galo; a carreira era polo camiño de Facós a grou, gañando, sinxelamente, o que chegaba primeiro".

                  En boa parte deste costumes aprézase un certo ton violento e tamén a loita ritual entre homes e mulleres que se manifesta noutras expresións do Entroido, como os xoves de compadres e comadres. Pero todos estos xogos e bromas, posúen, en opinión de Vicente Risco, "un verdadeiro carácter sagrado, do terreo da boa crianza e do trato social". Dicía este etnógrafo que "as bromas do Entroido hainas que aturar, por pesadas que sexan, por máis que sexan procaces, ferintes, insultantes ou groseiras; a mala educación consiste xustamente en levalas a mal ou enrabecharse por elas; non está permitido entre persoas ben criadas desbotalas ou responder violentamente de palabra ou de obra".

                  Estas manifestacións carnavalescas remiten á cultura cósmica medeival europea, da que se ocupou Mijail Bajtin. Para este autor certas formas carnavalescas "polo seu caracter concreto e sensible e en razón dun poderoso elemento de xogo, relaciónanse preferentemnte coas formas artísticas e animadas de imaxes, é dicir, coas formas do espectáculo teatral. É verdade que as formas do espectáculo teatral da Idade Media aseméllanse no esencial ós carnavais populares, dos que forman parate en certa medida. Sen embargo, o núcleo desta cultura, é dicir, o carnaval, non é tampouco a forma do espectáculo teatral, e , en xeral, non pertence o dominio de arte. Está situado nas fronteiras entre a arte e a vida. En realidade é a vida mesma. presentada cós elementos dos xogos" Nas datas carnavalescas é a propia vida a que xoga e se interpreta a si mesma.

          Os excesos son unha das notas caracter´siticas destas bromas e xogos. É máis, para Federico Cocho, a violencia, "ingrediente do Entroido igualmente básico como o ruído, o sexo ou a desmesura gastronómica, ritualízase mediante batallas e competicións". Sen embarbo, os cambios acontecidos nos últimos anos, e o "progresivo refinamiento da sociedade foi levando estas guerras cara estilos menos agresivos e máis na liña das batallas de flores". Aínda así este ritual dos xogos conserva parte da súa base primitiva e tradicional nalgúns recunchos de Ourense, especialmente nas zonas de montaña da parte oriental da provincia. E son, sen dúbida, algúns dos rasgos máis senlleiros e ancestrais que seguen facendo destes entroidos algo único.

 

 

Nota: o artigo remata cós estudios dos xogos: o xogo das olas, a farrapada, as corridas de galos e a piñata.

Un artigo marabilloso que aporta un estudio serio do noso carvaval ou entroido.

As fotografías son de Eanes e Carlos Hervella. O texto é completo de Ángeles Rodríguez.

Volver ó Carnaval.