Entroido dos sesenta na lembranza

Entroido dos sesenta na lembranza
Ano 2009.
Autor: Emilio A. Quintana Fontaíña
Festa distinta
O
Entroido en Seixalbo non era unha festa máis do ciclo festeiro senón
unha manifestación moi singular debido: nela estaban reflectidas as
necesidades e aspiracións de todos os seixalbeses e veciños. É, pois,
o Entroido a festa máis grande que nos legaron os nosos antepasados
como ben recolle esta composición e na que queda patente o amor a
esta efeméride:
“Entre los mozos siempre reina la alegría,
entre los mozos siempre reina el buen humor,
ay vamos, pues, ay, a celebrar esta fiesta mayor.
No queremos falsas promesas
ni que nos priven de la libertad
que queremos estar siempre juntos
cantando y bailando y armando follón”

Personalidade
Aínda que está entre a da Santa Ádega e a de San Xoán
Bautista, esta festa civil sempre tratou de preservar a súa
personalidade. Nos anos sesenta o Martes de Entroido era todo un
espectáculo o torreiro de Seixalbo ateigado de xentes chegadas de
Mariñamansa e de Ourense, que sabían ben do facer dos festeiros; e
estamos a falar dun día de semana no que había que traballar na
capital, aínda que no rural era o día “feriado” máis importante para
as súa xentes.
Carácter festivo e social
Seguindo coas composicións, o que mellor trataba de
definir o Entroido de Seixalbo é esta estrofa:
El Carnaval es Carnaval,
el Carnaval es alegría y buen humor
ay vamos sí, ay vamos, pues,
a celebrar esta fiesta mayor.
Como se ve, nesa festa, pesa máis o sentimento de pasalo ben e de
pedir cousas para o ben común. Así, as críticas ás autoridades
franquistas, sempre presentes en versos e parodias, provocaban o
sorriso dos asistentes; cada vez que as comparsas poñían un tema
candente nas súas voces, todo Seixalbo repetíao unha e outra vez
deica que se deixaba filtrar no Concello e así tratar de arranxar o
que pedían de mellora os veciños. Digamos, pois, que a festa tiña
unha intencionalidade política aínda nos tempos da ditadura, cunha
parte crítica social moi marcada.
O canto
Nin que
dicir ten que había certos espazos reservados para esta faceta: nas
adegas xuntábanse os “paxariños” para cantar e mollando a palleta en
viño a cousa resultaba máis doada e con outra entoación. Tamén
resultaba ser unha boa medicina nos días fríos de inverno o viño
quentado ao lume cun pouco de azucre. O viño era un ingrediente
primordial para calquera festa, e para esta aínda mais.
Ademais de boas voces, contaban coa colaboración do grande músico “o
Pepiño Sánchez” (José Sánchez Paredes), que era o que musicaba as
letras e harmonizaba as composicións, resultando todo moi fermoso.
Tamén axudaban ao bo facer o deseño das coreografías que aínda sendo
época de miseria, era dunha elegancia e gusto excepcional,
reflectindo as aspiracións destas xentes ao mundo mellor. O conxunto
era un espectáculo memorable.

Os ensaios das comparsas
Por
outra parte, convén afirmar que os ensaios das distintas comparsas
eran case un segredo dos compoñentes para que ninguén soubese nin o
tema nin as letras. Para compoñer as letras e os temas tiñan a época
invernal, entre o xaneiro e o febreiro, que eran dous meses case
inactivos na agricultura. As xuntanzas en pendellos ou palleiras
resultaban idóneas para pasar as horas e ao mesmo tempo repasar os
temas de carácter social e criticar aos veciños máis insolidarios
cos demais. Na radiografía da temática estaban os temas de España,
do mundo, de Galicia e por último os máis achegados a Seixalbo que
eran os preferidos polos vecinos.
.
As parodias
Antes
das comparsas, que, dependendo do ano podían ser dúas ou tres,
sempre había unha parodia con moi bos actores onde a crítica era
manifesta. Un ano trouxeran unha mesa de operacións de quirófano
para tratar o mal que tiña o meco; despois de mirar e auscultalo
descubriuse que o que tiña o meco era un gato adoecido na barriga.
Tamén era levada a parodia ás comparsas; lembro un ano no que os
compoñentes comparseiros era obrigados a beber viño branco por unha
“bacinilla” ou penico de porcelana manchada pola parte de fóra de
algo que resultou ser chocolate; pero o número estaba montado para o
éxito. Outros anos, o que dirixía a comparsa traía unha aguillada e,
pobre daquel comparseiro que non atendera a voz do director: tiña o
escarmento máis que asegurado. Noutra ocasión a batuta era unha
coubella ou verza grande para que se vira ben o director. Noutra
comparsa o director escollía para dirixir e harmonizar as voces unha
escumadeira e falaban do cocido nun ton ácido.
O Nicanor e a Paquita
O
Entroido de Seixalbo ten no Nicanor e na Paquita unha institución,
xa que, como parella que é, representa á familia seixalbesa e que
ten raiceiras moi fondas nesta terras. Ao Nicanor e á Paquita, os
mecos, sempre se lles tivo moito respecto e non se lle consinte a
ninguén que os insulte ou menosprece, antes ben, pídeselles o seu
apoio e protección para a festa. Como testemuñas do que acontece,
teñen que estar na Praza principal vestidos coas mellores prendas
que a xente ten nas casas. Ademais, era norma que cada ano os
acollese un matrimonio de xente nova para así favorecer a
fertilidade e a procreación e, deste xeito, non perder a longa
tradición festeira.
Algúns anos, por diversos avatares da vida, non se celebrou o
Entroido, pero presenza desta parella no espazo urbano sempre era
patente. Tamén nalgunha ocasión apareceron os mecos ou entroidos cun
fillo chamado Vicentiño, aínda que non durou moitos anos, feito
recollido na copla seguinte:
“Pobre Vicentiño que morte levou
culpa do Valboa que nolo roubou.
Il facelas fíxoas, halle de pesar
porque o Nicanor ha de llas gardar”.
Cando se requiría a axuda do Nicanor e da Paquita, pedíaselle deste
xeito:
“A Peña dos Chimpavasos
les pide de corazón
ao Nicanor e á Paquita
que nos conserve o humor.
Y si alguién no lo tiene
pues de Sejalvo no es,
en estas fiestas señores
la fiebre llega a los piés.”

A despedida
O martes á tardiña, despois de actuaren as parodias e as comparsas,
paseábase a Paquita e o Nicanor polas rúas de Seixalbo nunha
verdadeira ruada, cantando a estrofa que segue:
Ao Carnaval
todos lle queren ben
mociños e mozas
casados tamén...
E para remate, no lugar das actuacións quéimase a estrutura e a
palla dos mecos agardando deica o ano novo para a súa nova vida.
--o--
Nota miña: este texto está copiado da revista dixital
Solaina. O texto foi publicado no ano 2009.
Observo que Vicentiño ao final apareceu e non morreu,
descoñezo ó que pasou realmente pero teño que dicir que polo que
vexo, no ano 2026, o Vicentiño goza dunha boa saúde igual que os
país, do cal alégrome xa que me caen moi simpaticos e por suposto
deséxolles unha longa vida…faltaría máis…(Secundino
Lorenzo)