O entroido é unha reserva de simbolismo.

Emilio Araúxo Iglesias

                 

 

Unha entrevista ó escritor Emilio Araúxo Iglesias, acerca do entroido na provincia de Ourense. Copiado do Especial entroido de O Sil. Febreiro 2014.

Texto: Ángeles Rodríguez.

       Ver o texto

        Quen é Emilio Araúxo?

        Volver.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

O entroido é unha reserva de simbolismo

Emilio Araúxo Iglesias

 

   

  

 

(Escribe Ángeles Rodríguez. O Sil. Febreiro 2014)

(Fotografía Carlos G. Hervella.)

 

 

     A xestualidade dos felos, as danzas dos boteiros, a teatralidade que rodea ao Rei de Covelo... Para o escritor Emilio Araúxo (Coles 1946) o Entroido tradicional ourensán emerxe como un oasis nunha época "na que se vive unha gran pobreza simbólica". Cre que é unha "grande herdanza"  pero co matiz de que se trata dunha "memoria progresiva e de espera, de acollida de porvir". Malia que coñecía esta festa dende neno, comprendeu o seu valor dende moi lonxe da súa terra. Foi mentras se formaba en París. Alí descubría o libro  "A cultura popular na Ideade Media e no Renacemento" de Mijail Bajtin. . Nela o autor ruso señala a existencia dunha antigua cultura popular, marcada pola comicidade, que perviviu ata hoxe a través das festas e rituais carnavalescos, con rasgos singulares como o teatro e o xogo. Isto espertou en Arauxo o interese por explorar o Entroido e, a o seu retorno a Galicia, foi mergullándose nesta festa e, a través dela, comenzou a revivir o mundo da cultura popular. A viaxe deste poeta, etnólogo, tradutor, editor e tamén fotógrafo polas manisfestacións carnavalescas ourensás comezaba a principio dos anos 80. Sen embargo, non foi ata 1987 cando comenzou a traballar no seu arquivo fotográfico. Destaca que o Entroido é unha celebración "profundamente igualitaria" e que, "dende o momento no que crea memoria, crea tempo e en épocas de desamparo, como é desgraciadamente a nosa, o Entroido dá ánimo e é unha maneira de resistir". E entre as referencias que Bajtin dá sobre a importncia do Entroido, Araúxo resalta a de que "é un marco de lectura esencial para todo o que é a arte en xeral, tanto literaria como pictórica ou musical. Por exemplo Shakespeare ou Cervantes serían incomprensibles si non se lle aplica este marco de lectura carnavalesco".

 

   A súa aproximación a esta festa non se limita ás datas centrais, "teño unha relación de convivencia máis extensa, máis ampla con esas aldeas, ao mellor noutras épocas do ano viaxo alá e non só as visito, senón que en ocasións resido alí durante tempadas. Entón hai un traballo de campo que desborda o que é meramente o calendario carnavalesco". Confesa que foi Xoaquín Lorenzo que lle descubriu o Carnaval de Vilariño de Conso, que "para el era o exemplo máis nidio en Galicia de ritual de festa carnavalesca. Díxome de viva voz que era un Entroido onde o ritualismo está moi presente, ata tal punto que ás veces para unha persoa allea é indescernible situalo do lado do profano ou do sagrado".  Tamén fala da súa admiración polo Entroido de Covelo (Melón) di "que me engaiola tanto como a lectura ou a relectura do capítulo O gran teatro de Oklahoma da novela "Ámérica" de Franz Kafka".

     Araúxo tense convertido asemade en embaixador do Entroido ourensán ante escritores, poetas e investigadores internacionais, que se desprazan á provincia para vivilo. Froito destas experiencias foron agromando unha serie de libriños, que ven a luz na editorial Amastra-n-gallar, do propio Araúxo. Non están a venda, senón que se converten cada ano en agasallo para "saudar" ás persoas que co seu esforzo  manteñen viva a chama carnavalesca. Neste ano ten previsto publicar media ducia. Entre eles, o de "Felos" da escritora francesa Nicole Caligaris, "un libriño moi breve, pero moi elaborado e moi cheo de maxia e de encanto a través dun personaxe máis ou menos mítico ou ficticio que se chama  o xeneral Instinc", adianta o editor. Tamén sairán do prelo "Felos ao galope" e "Xestos pramaverais", da escritora franco-galega Cécile Guivarch, e "Discurso" de Luz Benazet. Ademais, Araúxo ten pendente pendente de publicar un libro seu sobre o entroido de Laza no que conta con colaboracións como a do antropólogo Jean Dominiq-Lajoux que vencella esta festa coas lupercais romanas. En apenas uns días, este escritor e fotógrafo ourensán regresará a cerna do Entroido. Coas súas cámaras penduradas e a súa libretiña de notas, percorrerá de novo a montaña para, dende o seu profundo coñecemento, pero tamén dende a súa sensibilidade e xenerosidade, deixarse envolver polo simbolismo desta celebración.

O escritor e editor Emilio Araúxo, nunha das súas visitas ao Entroido da provincia.

 

    ¿Como nace o seu interese polo entroido?

     Xurde dunha forma totalmente casual a través dun mestre meu e filósofo francés, Françoise Regnault, que é especialista no tema de teatro e está moi relacionado coa psicoanálise. Escribiu un libro "A familia das ortigas", no que me revelou a Mijail Bajtin.

Nese texto Regnault sinala que a obra teatral do gran novelista francés Jean Genet debe ser interpretada dunha forma profunda e serao cando se adopte esta especie de marco de lectura que é a teoría bajtiniana da cultura popular, que ten como núcleo esencial a "cosmovisión carnavalesca". Este é o detonante do meu interese. Foi como si dixesemos unha especie de transferencia de lectura, é dicir, que a autoridade dese gran mestre que é Regnault expertou en mín o desexo de explorar ese ámbito. Despois, cando retornei a Galicia, empecei a revivir todo o que é o mundo da cultura popular. Entón vin a correlación formidable e bendita entre, por unha banda a teoría de Regnault e de Bajtin, e o que eu tiña aquí diante de min como unha gran herdanza simbólica.

 

    É unha herdanza que redescubría lonxe de Galicia e a través de autores estanxeiros.

    Si, para chegar a isto tiven que pasar por mestres, por libros...É curiosísimo, isto é unha lei que nos vén da filosofía e da poesía alemá, que di que ás veces ao máis próximo chégase polo máis lonxano. Eu para descubrir precisamente o que tiña aquí diante dos ollos e que dende pequeniño levaba vendo a cotío, pois tuven que pasar por Francia, por un filósofo francés e logo por un autor ruso. É asombroso, pero é así.

 

  Tamén é certo que un descubrimento dende fóra permite obter unha mellor análise de conxunto...

   Si, non cabe dúbida de que fai falta esa distancia, pero non é unha distancia meramente topolóxica, espacial, senón é unha distancia que supón un traballo de lectura. Entón, cando eu falo tamén de herdanza é nese sentido, un traballo de lectura, de reflexión. A noción de herdanza eu refíroa a outro mestre, Jacques Derrida.

 

   ¿Cal é a importancia que ten para vostede o Entroido nun mundo como o actual?

 

    Se quixeramos dar un diagnóstico do noso tempo, un dos inmediatos sería o de que é unha época na que se vive nunha grande pobreza simbólica, nunha desimbolización.  E xustamente o que atopamos no Entroido é unha especie de reserva do simbolismo, que se vai convertir nunha herdanza, nunha memoria. Pero non nunha memoria meramente nostálxica, senón progresiva, máis de futuro, de porvir. Nunha memoria que, dalgún modo, sen anticipar case anticipa, ou polo menos está nunha situación de acollida do porvir.  Alain Badiou (filósofo, dramaturgo e novelista francés) di de forma rotunda, e para min moi clara,  que cando perdemos a dimensión simbólica, dalgunha maneira, o corpo das persoas se converte nunha especie de residuo. Eu diría que un dos elementos que hai que pór en valor do Entroido é esta forma que ten de resimbolizar e que é un deserto de símbolo e de tempo, por que a nosa tamén é unha época dun tempo sen tempo. E o Entroido, con todo o que implica de marca, de inscrición, de novidade, pois tamén é creador de tempo.

 

   Mircea Eliade falaba dese tempo festivo no libro "O mito do eterno retorno"...

   Si, pero aquí cómpre matizar esta cuestión porque hai toda unha serie de polémicas ao redor do Entroido sobre se é unha pura repetición codificada sen maior alcance ou se ten unha virtualidade subversiva e algunha positividade dinámica. Nese senso, dende a miña experiencia persoal, eu vin que o Entroido vai máis alá dunha repetición codificada, ríxida e medio morta. Con certa frecuencia roza o que podríamos chamar a dimensión artística. Teño asistido en diferentes Entroidos a manifestación de arte, por exemplo a través da danza. Pense no folión de Mormentelos (Vilariño de Conso). Eu diría que nel hai arte vencellado á danza. E no rexistro artístico están as comidas carnavalescas que por fortuna aínda existen nalgunhas aldeas galegas, por exemplo, en Palleirós (Manzaneda) ou os xantares que xa esmoreceron, pero que tiveron grande vigor en Vilaverde, no Ribeiro, e que animaba un gran home que era Dionisio Amaro. Neles tamén houbo momentos de grande emoción, que as veces se achegaban ao que é un efecto de arte. Entón se hai efecto artístico, hai tamén de algún modo creación ou doazón de verdade e isto pon en dúbida a crenza de que o Entroido se reduce a unha especie de puro escenario codificado e sen maior horizonte.

 

"O meu contacto coa festa non se limita ao calendario carnavalesco, noutras épocas do ano viaxo a esas zonas e mesmo resido alí"

 

   ¿En que medida son singulares no marco europeo as manifestacións carnavalescas que se conservan na provincia de Ourense?.

    En cada lugar cada Entroido está revestido dunha singularidade sorprendente. Cando comparto con amigos estranxeiros, por exemplo con poetas chineses, imaxes do noso Entroido quedan completamente conmovidos e abraiados. O ano pasado fixen en Marsella (Francia)  unha exposición e vin como a máscara dun felo espertaba unha especie de sorpresa absoluta. Deste xeito, podo decirlle como poetas amigos meus que viñeron de Francia viron, no que o fin e o cabo é soio unha provincia, unha singularidade irrepetible, asombrosa, tremendamente innovadora e chea de promesas e de creatividade. James Sacré, que para min é un dos grandes poetas que hai hoxe do mundo rural, estivo toda unha noite sin dormir e como nunha especie de éxtase nun corredor dunha casa de Viana do Bolo, contemplando unha escea chea de poesía, de engado e de feitizo. Consistía nun tipo de xogo que un grupo de xente nova facía cos bombos, pero que era  todo un mundo riquísimo de xestualidade de retórica corporal, un conxunto de sons, de xestos. Eran alegorías, unha especie poema vivo en carne e oso con axuda de bombos.. Á mañá seguinte, cando eu pensaba que tiña que desculparme diante del polo ruído que non o deixou durmir, Sacré amosábase agradecidísimo porque nunca antes asistira na súa vida a unha escea nocturna tan conmovedora, tan absoluta e tan creativa. No caso do Entroido de Laza, un escritor como é Martín Melkonian, tamén francés, deume unha fermosa fórmula: "o peliqueiro é un anxo que pesa". Ademais sobre o felo de Maceda díxome que "finalmente é un xeneral da paz". Sobre esta máscara tamén incidiu Sacré, falando da súa polivalencia, polo seu conxunto de simbolismos, de valores e tamén de riqueza xestual extraordinaria. Moitos dos poetas  que veñen aquí convidados por mín tamén destacan do Entroido que nel hai unha especie de comunarismo, de prodigalidade, digamos de réxime de doazón. No Entroido de Maceda, por exemplo, nos barrios de cada pequena aldea poñen fóra mesas cheas do mellor que poden ofrecer para comer e para beber. E iso é gratuito, é un mundo de non mercado. Atopar este tipo de illa ou de momentos de excepción nun mundo como o noso da brutalidade capitalista resulta non só conmovedor senón exemplar. Con respecto a isto, o poeta Pierre Le Pillouër, que estivo aquí o ano pasado, resumiu en tres características esenciais a sorpresa que lle produciu o entroido galego:"nin mercado, nin policías, nin aplausos". E con isto estou entrando no que tamén salienta Bajtin, entre outros autores, que é a cuestión do utopismo, é dicir, no Entroido asistimos o que poderíamos chamar a imaxen dun pobo reconciliado, a unha especie de utopía ou de idea reguladora, se o queremos dicir en linguaxe kantiana. A utopía na que ves que é posible como decía Uxio Novoneyra, outra cousa. É posible outra Galicia, é posible outro mundo. E a esa posibilidade chamoulle Bajtin a dimensión utópica da cosmovisión carnavalesca. Parece esencial esa visión utópica, aínda que son consciente plenamente de que é un termo que hai que entrecomillar porque necesita ser revisado.

 

"Unha vez que fun capturado polo mundo do Entroido, sentín a obriga de ser unha especie de pequena ponte para transmitilo"

 

"Esta celebración relanza a alegría do cambio, da idea de renovación e isto, sobre todo, a través da máscara que é a cerna do Carnaval"

 

    O Entroido tamén crea lazo social...

 

    É outro elemento a ter en conta. Con iso afondamos na importancia do Entroido da que falamos ao principio. Relanza a alegría do cambio, da idea de renovación e isto, sobre todo, a través do tema da máscara que é a cerna do Entroido. A este respecto eu editei un libro dun psicoanalista francés, Jacky Bourillon, que asegura que a "máscara é un veo que di que a vida existe, pero non por moito tempo". É unha invitación ó goce, pero engade que a máscara "vela e desvela", pero ¿que desvela?. Desvela a ausencia de cara, a esencia de identidade do suxeto. Isto quere dicir que no Entroido vivimos unha experiencia crucial, que é a de facerte consciente da división interna da túa propia subxectividade.. E esa é unha vivencia social crucial. Hai tamén unha idea preciosa que o poeta Claude Royet-Journoud me propuxo a partir do Entroido do val de Maceda:"a máscara non instaura unha distancia, senon outra proximidade" Nesta misma liña, a poeta sueca Helena Eriksson, púxose dacordo conmigo no 2010 e pediume vir aquí e vestirse de felo. Veu e fíxoo, e aguantou un día enteiro por montes e vales na terra de Maceda e, despois desa experiencia extraordinaria para ela e para todos nós escribiu a petición miña o libro "Entre a outra proximidade".

 

    ¿En que medida lle ten influído o coñecemento e a vivencia do Entroido ourensán?

 

    Unha vez que fun capturado por este mundo, sentín a obriga de ser un pasador, unha especie de pequena ponte para transmitilo. O Carnaval axudou a crear en min a conciencia e o deber de transmitilo, de gardar a memoria viva pola relación que ten a memoria co porvir.  Iso influíame ata o extremo de obligarme a editar sistematicamente libros sobre o Carnaval, que, primeiro, non vendo, gardando así o espíritu carnavalesco de non mercado; e, en segundo lugar, que comparto coas máscaras e que procuro que sexan homenaxes a esos Entroidos. Uso os libros para saudar ás xentes desas zonas e para animalas e decirlles que o que fan é extraordinario e que paga a pena que o sigan facendo.

  Subir.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Quen é Emilio Araúxo Iglesias.

Emilio Araúxo Iglesias, nado en Coles (Ourense)  en 1946.

É escritor,  etnógrafo, editor, tradutor galego e fotógrafo. Tamén foi profesor de Filosofía en Secundaria.

Como editor foi o creador, xunto a Luís Martúl Tobío,  de Noiterega entre 1995 e 2005.  En 2001 fundou unha nova editora,  Amastra-N-Gallar.

Últimamente fai libros sobre o Entroido, auténticas xoias, para saudar e animar a xente a que siga co Entroido tradicional...Xa me gustaría ler algún...

 Actualmente reside en Lalín.

 

Obras-Poesía

Obras-Narrativa

Obras-Ensaio

  • Sombra respirada dunha reliquia (barquilleiros). Amastra-N-Gallar, 2012.

Como editor

Como tradutor

Datos de wikipedia.                                          Outros links.

Unha entrevista interesante. Diario El País.

  Subir.