|
Soñar,
din, non custa nada. É, sen embargo, o crisol onde nacen os
soños e a materia da que se nutren é a mesma coa que modelamos
a nosa propia vida, coa que creamos riqueza, coa que forxamos un
futuro que pretendemos sempre mellor na procura da calidade de
vida e do benestar social que a todos incumbe. Ben
certo é, e por iso acepto agora este reto para cavilar en
Galicia, para esculcar os camiños do destino, para pescudar nas
bondades e miserias das políticas que están a desenvolverse no
noso país, para, a fin de contas, ir abrindo camiño e
procurar un futuro mellor para todos nós.
Para que calquera
analista se convierta en adiviño do que é, do que será, ou do
que pode ser, debe entrar a valorar necesariamente os aspectos
globais que condicionan o noso mundo, que determinan os
obxectivos e os instrumentos de calquera política sectorial que
se precie, xa sexan sociais, económicos, ou culturais. Debemos,
segundo o lema pola OMS en 1990, "cavilar globalmente e
actuar localmente ". Hoxe as persoas cada vez saben máis
de menos cousas ata que rematan por non saber nada.
Entendo que dende os proxectos aparentemente máis sinxelos e
inxenuos que se desenvolvan no noso país, sempre debemos
aplicar unha visión global e integradora que contemple o
territorio como un espacio conciliador se, na complementariedade
das medidas, na necesaria coordinación e cooperación entre
todos os axentes e actores e as distintas administracións
públicas con competencia no territorio, no respecto á
diversidade sexa do tipo que sexa ademáis da ecolóxica. Algo
de urxente aplicación en canto a política ambiental se refire,
polas súas especiais circunstancias, polas súas singularidades
e connotacións, polos factores que hoxe están a modificar
irreversiblemente a nosa sociedade, porque o medio ambiente só
pode entenderse como un conxunto de elementos diversos -sociais,
económicos, culturais, naturais-, que están constantemente
interaccionando co individuo e que nos obrigan a incorporar
múltiples variables no desenvolvemento dos seus programas e
proxectos. Porque, como dixo o Ministro Matas, a horizontalidade
do concepto ambiental debe sustituir necesariamente o carácter
sectorial típico das outras políticas e impregnar todos os
sectores productivos.
O medio natural, a fauna, a
flora, a xeomorfoloxía, as paisaxes, a diversidade biolóxica,
os usos tradicionais, os recursos xenéticos autóctonos, son
valores locais de indiscutible potencial futuro fronte a
globalización que pretende uniformalo todo. A partir dos anos
setenta, froito do innegable crecemento económico e incremento
na calidade de vida dos paises hexemónicos, xorde unha
corriente conservacionista que cala en moitos daqueles gobernos
e fai que comecen, baixo unha cada vez máis forte, e ás veces
alporizante, presión social, a tomar conciencia do grave
deterioro ambiental que está a sufrir o planeta, da progresiva
e alarmante taxa de perda de biodiversidade que afecta a todos
os ecosistemas, da importancia das nosas paisaxes como
expresión do noso patrimonio cultural, ecolóxico e social, da
importancia dos nosos recursos xenéticos como resultado
esperanzador da experiencia, da manipulación da vida silvestre,
e do esforzo do home a través das xeneracións por conseguir
individuos e variedades xenéticas adaptadas as súas
necesidades, da importancia dos habitats seminaturais ou
agrosistemas xestionados polos nosos agricultores e gandeiros
que a penas mudaron ó longo das centurias, posuidores dunha
valiosísima diversidade biolóxica de perda imperdoable,
da importancia, en fin, dos coñecementos adquiridos sobre as
especies explotables e os usos tradicionais aplicados durante
séculos, non só como patrimonio cultural que é do noso pobo
senón especialmente en consideración o elevado grao de
sostibilidade acadado ó longo das centurias e como resultado
das leis que rexen a mera supervivencia. Froito destas
preocupacións e inquedanzas abrolla unha fervenza de
disposicións legais relativas á conservación do medio
ambiente, primeiro dende o ámbito internacional para ir logo
paseniñamente traspoñéndose ó noso ordenamente xurídico
estatal e autonómico, como son, o Convenio Ramsar sobre
humedais de importancia internacional de 1971, a Convención de
Washington sobre o comercio internacional de especies ameazadas
de 1973, os convenios de Berna sobre conservación da vida
silvestre e o medio natural, e de Bonn sobre especies
migratorias de 1979, e especialmente polas súas implicacións
no seu da Unión, as Directivas Comunitarias relativas á
evaluación das repercusións de determinados proxectos
públicos e privados sobre o medio ambiente de 1985 e 1997, a
Directiva 79/409/CEE relativa á conservación das aves
silvestres, e a directiva 92/43/CEE relativa a conservación dos
hábitats naturais e da fauna e flora silvestres. Esta última
directiva chamada "Hábitats" está a representar o
maior desafio pero tamén a maior esperanza para a conservación
no medio natural de Europa.
É evidente que
Galicia está aínda hoxe moi lonxe de asumir nun grao aceptable
os compromisos ambientais derivados do novo marco comunitario
onde nos movemos, sobre todos si temos en conta que as
deficiencias crónicas que vimos padecendo secularmente e as
novas esixencias de globalización obrígannos a procurar o noso
desenvolvemento a través de importantes infraestructuras de
comunicación, do impulso a industrialización, do
aproveitamento dos recursos naturais, do fomento das enerxías
alternativas, dunha intensificación das explotacións, dunha,
en definitiva, modernización, activades moitas delas en clara
confrontación cunha política de protección da natureza.
Galicia precisa con urxencia unha política de ordenación
territorial axeitada ás súas peculiaridades e ás súas
necesidades, que considere a sostibilidade como un parámetro a
ter en conta no seu desenvolvemento, uns instrumentos como os
plans de ordeación do medio físico que precisamente polo seu
amplio alcance e o seu carácter integrador na ordenación dos
usos do solo deben de se converter tamén nuns instrumentos de
primeira magnitude para a defensa do medio natural galego e a
promoción dos usos sostibles no territorio, sen menoscabo do
seu desenvolvemento territorial. A integración nun modelo
único -como di Precedo-, das políticas territoriais,
económicas, sociais, e medioambientais, baseada nos principios
de coordinación, subsidiariedade, complementariedade, e
cooperación, representa tamén unha esperanza no porvir do
mundo rural galego neste novo milenio que agora comeza, como
solucións ás políticas asistenciais que manteñen ó campo
sen máis aliciente que as axudas e subvencións nun estado
agónico de permanente marxinación, latencia e indiferencia.
De entre os sectores de máis patente afección ó medio
ambiente está o mineiro. Galicia, tanto no que se refire ó
subsector da pedra ornamental como ó da lousa, é unha rexión
punteira a nivel mundial, con Porriño e a conca do Sil como
principais referentes, cunha facturación anual de 100.000
millóns de pesetas e cunha producción nas 80 canteiras
existentes a nivel galego que supera as 700.000 Tm, explotadas
por 350 empresas con preto de 2.500 traballadores. Este sector
é sen dúbida un piar de primeira orde na economía galega,
cunha producción que supón o 40% do granito e o 80% da lousa
de todo o Estado, cunhas vendas en lousa de 50.000 millóns o
pasado ano, e cunha achega do 13% ó PIB industrial galego. Sen
embargo, tamén é evidente que este sector, polo tipo de
aproveitamento duns recursos naturais non renovables, pola
situación e dispersión xeográfica das explotacións, pola
incidencia da actividade no contorno durante a vida útil da
canteira, é tamén hoxe o máis agresivo o máis impactante co
medio natural galego. Un sector en clara confrontación coa
protección do medio ambiente, onde a analise e a explotación
de alternativas e a adopción de medidas correctoras
minimizadoras do impacto ambiental son dificilmente asumibles
polo sector dada a dimensión e repercusión social e económica
que ten a nivel do noso país, e por iso a actividade necesita
de medidas decisivas para o seu regulamento e control. A
producción de po, ruído, contaminación de ríos e acuíferos,
procesos erosivos e de sedimentación, e sobre todo a xeración
de escombreiras e a alteración do medio perceptual son algúns
dos impactos que é preciso correxir e minorar. Na actualidade o
inmobilismo da administración e a resistencia do sector fronte
á adopción de medidas que necesariamente supoñan un
incremento dos custos de explotación son unha traba importante
para a corrección de impactos e a integración paisaxística
das canteiras. Un bo exemplo témola na zona da lousa ós
grandes estragos producidos por estas explotacións durante
moitos anos -alteración substancial da paisaxe, xeración de
entullos con ata 15.000 Tm. anuais de residuos de explotación,
contaminación dos ríos por esborrallamentos, deslizamentos e
po de lousa nos aserradoiros, aínda non contamos cun Pacto
Ambiental que garanta a continuidade das explotacións pero que
asegure tamén a adopción de medidas correctoras durante a fase
de funcionamento e contemple as operacións extractivas como
usos transitorios do territorio e non terminais, necesitados dun
reacondicionamento final. Como exemplo a seguir temos as
areeiras da Limia ourensá onde puxemos en marcha en
colaboración cos empresarios un proxecto de restauración das
explotacións abandonadas de áridos para reconverter as lagoas
xeradas pola explotación, debido á proximidade da capa
freática, en refuxio de anátidas e doutra avifauna acuática,
tan abondosa outrora na lagoa de Antela.
Sen embargo, e malia o sinalado anteriormente, é hoxe o sector
enerxético o que está a xerar máis alarma social e fervenzas
de tinta nos medios de comunicación. A política do Plan
Enerxético Nacional para 1991-2000 ía dirixida efectivamente
á procura do dificil equilibrio entre os diferentes obxectivos
a conseguir: potenciación dos recursos autóctonos,
diversificación, miniminación de custos e protección
ambiental; en particular de cara á promoción de enerxías
limpas e renovables. Malia o dito, este obxectivo xeral está
moi lonxe de acadarse na situación actual. A política de
minicentrais hidroeléctricas, baseada en primeira instancia nos
obxectivos anteriormente expostos, presupón a construcción de
máis de 300 destas instalacións na nosa comunidade autónoma
con potencia de 5.000 Kwh, e cun apoio político e económico
que non se lle escapa a ninguén por parte das institucións
autonómicas e estatais. Supoño que ninguén dubida, en
principio, da bondade dos obxectivos sinalados por canto
pretenden, como se dixo, a promoción de enerxías limpas e
alternativas a, por exemplo, centrais nucleares ou térmicas,
con emisións de xofre e CO2 causantes da chamada chuvia ácida
que tantos problemas está a xerar nos bosques de Europa Central
ou do efecto invernadoiro pola queima de combustibles fósiles.
Sen embargo, á vista da importante producción enerxética
xerada nos grandes encoros galegos xestionados por Fenosa,
Iberdrola ou Endesa, á vista dos estragos ambientais producidos
por estes últimos nos ríos do noso país -outrora
salmoneiros-, e á vista do importe do recibo da luz que lle
pasan a cada galego, un pregúntase necesariamente se en verdade
estes innumerables proxectos son tan inocuos e beneficiosos, e
se en verdade é preciso que a sociedade galega teña que asumir
no futuro 2020 todos os custos ambientais derivados sa súa
implantación. En primeiro lugar está claro que o sector é e
debe ser a nivel do estado moi activo e inquedo por canto conta
cun apoio institucional que xa lle gustaría ter a outros
sectores deprimidos da nosa economía, con 334.000 millóns de
pesetas do Plan Enerxético Nacional considerado como unha
estratexia de Aforro e Eficiencia Enerxética, e conta ademais
con importantes e eficaces avances tecnolóxicos con equipos
normalizados e telemandos. Ademais as innumerables correntes
fluviais que surcan o noso territorio en todas as direccións
converten a Galicia nun paraiso de primeira orde para calquer
promotor, con 1.643 Kms de rede fluvial contando só os cursos
principais dos 25 primeiros ríos do país. Estos feitos e
realidades supuxeron xa, no primeiro intre, que Galicia se vira
como a galiña dos ovos de ouro para múltiples empresas, tanto
foráneas como autóctonas de nova creación, empresas que
entraron en guerra total para ver quén delas acadaba a parte do
león. A maior abondamento, este sector, ó contrario do que
sucede co mineiro, xerador de beneficios a sociedade, pois
traballa en terra allea que ten que pagar e xera un importante
nivel de man de obra, emprega un ben público que é a auga e a
penas dá traballo dada a intensa automatización. Por último
resulta extremadamente tranquilizador para o promotor saber que
toda a producción enerxética vai ser adquirida e distribuída
inmediatamente a través das redes de reparto dos grandes
monopolios. Son todos eles factores e circunstancias que xa de
por si, obviamente, animarían a calquera promotor a tentar
minimizar a importancia dos impactos previstos. Incluso a
adoptar, se fora necesario, severas e costosas medidas de
sensibilización social se observan risco nos seus proxectos.
Evidentemente son moitos e variados os impactos causados na
producción hidroeléctrica como son a implantación de obras
transversais ( presas) que impiden a libre circulación das
especies migradoras como o salmón, o reo, a anguía, a lamprea,
a alosa ou o sábalo; a alteración da calidade das augas; os
procesos erosivos, o impacto visual , e a destrucción do bosque
hidrófilo de ribeira pola construcción de infraestructuras
como pistas de acceso, canles de derivación ou redes de
distribución; a modificación de leitos e marxes; a alteración
substancial da dinámica do río en canto a canles fluíntes,
perímetro mollado, ou temperatura da auga nos períodos de
turbinación e amoreamento; destrucción de áreas de freza;
mortandade nas turbinas, reixas e canles;disminución
substancial de capturas na práctica da pesca deportiva, etc, e
sobre todo a detracción da canle e a reducción drástica da
corrente fluínte do río ó longo de varios quilómetros. É
loable que a Consellería de Medio Ambiente abrira, por fin,
varios expedientes sancionadores por incumprimento das medidas
correctoras establecidas nos dictames ambientais emitidos por
cada proxecto e por incumprimento no disposto na vixente Lei de
Pesca Fluvial de Galicia 7/1992. En definitiva, Galicia non pode
asumir na magnitude que se pretende, os impactos derivados deste
aproveitamentos hidroeléctricos, máxime cando sabemos que non
van supoñer máis aló do 5% da nosa producción exerxética
autóctona, por moito que o recén presentado Libro Branco da
Enerxía Galega aposte polas enerxías renovables e polo
aproveitamento dos recursos propios, e malia aque os promotores
estean a anunciar insistentemente que a lexislación vixente
lles permite dobrar a actual potencia de 150 MW. Non hai moito,
varios profesores da Universidade de Santiago solicitaron unha
moratoria neste eido apuntando que se trata dun negocio
particular e fabuloso causante de danos irreparables ós nosos
ecosistemas fluviais. A Xunta de Galicia deberá examinar e
analizar detidamente, admitir e rexeitar con independencia, sen
arbitrariedades, con eficacia e profesionalidade, cada
concesión, cada proxecto, sen máis interese có derivado do
propio interese social, na defensa do medio ambiente, e do
progreso ¡naturalmente !.
Os parques eólicos son hoxe outro cabalo de batalla que resoa
estrepitosamente polos despachos e serras da nosa terra. Hai
moitos políticos que están a soñar cunha Galicia
autosuficiente, de feito espérase que o autoabastecemento
enerxético medre do 40 ó 55% nos vindeiros dez anos, sería
marabilloso en verdade; aínda que iso non supoña para nós
grandes vantaxes comparativas e sigan os alcaldes a través da
FEGAMP berrando constamente polo canon que din que lles
corresponde. Os parque eólicos representan sen dúbida unha boa
alternativa no emprega das enerxías limpas e baratas. A
importancia do recurso animoui á Xunta de Galicia a probar un
Plan Enerxético Galego para potenciar este tipo de
aproveitamentos, e dalgún xeito dar carta branca ós
promotores. Seguindo as pautas establecidas no "Libro
Branco das Enerxías Renovables" a Comisión Europea
propuso como obxectivo no horizonte do ano 2010 que o 12% da
enerxía primaria consumida nos estados da Unión sexa de orixen
renovable. Neste marco, o Consello Galego de Medio Ambiente
dictamina favorablemente o Plan Eólico de Galicia que se aproba
como Plan Sectorial de incidencia supramunicipal, cunha
producción estimada de 3150 MW no horizonto do 2010, o que
supón chegar ata o 15%. Agora ben, para as eólicas estamos de
novo, con certas matizacións, no caso anterior das minicentrais
hidroeléctricas. Co plano da situación á vista non hai unha
serra galega que se precie de selo que non teña previsto un
parque eólico. Xa desde o primeiro intre atopámonos con
posturas claramente enfrontadas, como aconteceu co proxecto da
Serra do Xistral. Ten esta serra unhas turbeiras de cobertor que
están consideradas como as máis importantes de Europa, un
depósito e un libro onde poder ler polo miúdo, entre outros,
os procesos climáticos do noso país ó longo dos milenios. E,
sen embargo, temos que ceder en moitos caos ante a insistente e
tenaz presión da política enerxética asumida
institucionalmente con todas as súas consecuencias. Sei que se
están a facer grandes esforzos desde varios departamentos da
Xunta de Galicia, caso por exemplo da fixación das canles
ecolóxicas para as minicentrais, por compatibilizar estes
aproveitamentos coa persevación dos valores naturais do
territorio, por exemplo na procura de alternativas de
localizacións de aeroxeneradores. Entendo que é o mellor xeito
de facer as cousas, de feito moitas das localizacións
seleccionadas coinciden con lugares de interese comunitario
propostos a súa inclusión na rede Natura 2000 : Xistral,
Candal, Careón, Trevinca, Leboreiro; o mesmo acontece co Courel
e coas explotacións mineiras de lousa que alí se pretenden
abrir, ou na Serra da Lastra e as calcarias de CEDIE. En cada
caso haberá que analizar e evaliar polo miúdo a situación de
cada acción, o seu impacto, os valores naturais do territorio,
o emprazamento dos habitats de interese comunitario detectados.
Sei tamén que se están a facer bos estudios por expertos e
compañeiros competentes, e ese é o camiño a seguir de cara o
futuro se queremos facer as cousas dignamente, con
racionalidade, con respecto a criterios científicos e
técnicos, ponderando na súa xusta medida tanto a afección ós
procesos ecolóxicos como os beneficios socioeconómicos
derivados da execución do proxecto en cuestión. Con todo o
respectabilisimo don Isaac Diaz Pardo, apunta a propósito das
eólicas "...... é unha das operacións máis
escandalosas que se están a montar en Galicia con gran cabreo
dos máis importantes xeógrafos e arquitectos-paisaxistas da
Galicia e de fóra..." e que "o recurso máis
valioso que é a enerxía, que era nosa, ficará xa toda ela en
mans foráneas". A avaliación do impacto ambiental é,
hoxe por hoxe, o mellor instrumento para asegurar a incompatibilidade dos proxectos, todos desexamos,
encarecidamente, que se comencen a cumprir eficazmente, sen
máis demora, os dictames ambientais con todas as súas
consecuencias.
Dicía Castelao en Sempre en Galiza que cando un galego saiba o
que vale unha árbore deixará de emigrar. Cavilando nos
incendios que estragan Galicia ano tras ano e en quen o produce,
penso que aínda estamos moi lonxe de rematar coa emigración.
Máis da metade de España -26 de 50 millóns de hectáreas- é
terreo forestal, e de cara o 2020 será xunto con Polonia e
Francia o país onde máis medrara o bosque a conta das terras
abandonadas. En Galicia, según o recentísimo Inventario
Forestal Nacional, contamos con 1.879.892 hectáreas forestais
das que 1.424.727 hectáreas están arboradas con 389.488 de
piñeiro do país (P. pinaster), 296.494 de carballos veriños e
cerquiños ( Q. robur e pyrenaica), e 177.679 de eucaliptus,
fundamentalmente da especie globulus, apuntando un incremento en
frondosas autóctonas do 60% con respecto do último inventario
de 1986. Algúns grupos ecoloxistas protestaron frente a estos
datos aducindo propaganda institucional. Eu non vou entrar neste
tema, pois cústame dubidar da bondade do inventario feito por
profesionais, entrarei nos asuntos que en verdade me preocupan.O
que está claro a vista dos datos deste inventario ou do
anterior é que Galicia é unha potencia forestal, cousa que
abofé xa sabía Castelao. Galicia ten enormes posibilidades de
desenvolvemento neste subsector estratéxico pois, por
desgracia, o mundo rural galego é hoxe un mundo de morte
matada. Galica ten, según os últimos datos do Instituto Galego
de Estadística, xa tan só un 9,03% de afiliados ó reximen
agrario da seguridade social, exactamente 77.221 persoas. Pero
Galicia ten o 24% de toda a superficie arborada do estado
español sobre un 5,8% do territorio español; conta con preto
de 600 aserradoiros de moi longa tradición familiar, emprega no
sector a 40.000 galegos, e produce a terceira parte da madeira
de serra do estado, máis dun tercio en pasta de celulosa, e
preto da mitade de taboleiros, onde somos unha industria
punteira en tecnoloxía, con 260.000 millóns de facturación
anual total. E inda así estamos moi lonxe de acadar o bo
camiño.España ten un deficit de 10 millóns de metros cúbicos
anuais e en Galicia a madeira acada posibilidades insoñables
noutras comunidades autónomas con 6 a 8 metros cúbicos por
hectárea e ano para o piñeiro do país e de 15 a 20 para o
eucalipto, asunto este último que está a favorecer a
plantación indiscriminada desta especie e substitución do
antigo bosque climático galego de carballo verino ( Quercus
rober) que outrora cubría unha boa parte do país. De entre os
problemas crónicos que soporta o sector pódense sinalar, entre
outros, a excesiva atomización da propiedade, máis dun 70% da
superficie arborada está en mans de 673.000 galegos en
explotación de moi baixa rendibilidade, a descapitalización
dos nosos bosques autóctonos, a falta de axeitados plans de
ordenamento e xestión forestal, o abandono das prácticas
selvícolas, ol fomento excesivo de monocultivos con especies de
rápido crecemento que simplifican e empobrecen os nosos
ecosistemas e son a base pirófita de moitos lumes, a deficiente
integración na política forestal pola escasa información e
formación das 2.700 comunidades propietarias dos nosos montes
veciñais en man común, a mínima sensibilización social de
cara a unha xestión sostible do bosque e das funcións
ecolóxica e social que tamén lle corresponde ou á devastadora
incidencia dos incendios forestais nas masas arboradas e nos
relictos forestais de frondosas autóctonas con preto de 200.000
hectáreas arrasadas polos lumes na última década. Gracias á
axuda da Unión Europea para a reforestación de terras
agrícolas abandonadas é certo que estamos a abrir camiño de
cara ó 2020. Necesitamos dunha gran dose de paciencia e
ilusión porque, daquela, incluso un piñeiro plantado hoxe
aínda estará moi lonxe do seu normal aproveitamento que é de
30 a 35 anos. Precisamos fomentar o asociacionismo forestal,
informar puntualmente ós selvicultores das medidas e das
posibilidades que traen os novos tempos, as prácticas
selvícolas necesarias en cada momento, os novos avances na
loita contra pragas e enfermidades, o traballo diario para a
constitución e posta en marcha das comunidades veciñais e o
valor dos seus montes, hoxe nunha gran parte ermos e
abandonados, o apoio á reforestación con especies
autóctonas como o castiñeiro, frondosa de rápido
crecemento que acada ata 10 metros cúbicos por hectárea e ano
de posibilidade, o pulo decidido ó plan de mellora xenética
forestal de Galicia con accións decididas de cara a
conservación e ó aproveitamento das nosas especies nobres como
a nogueira e a cerdeira, procurando a identificación de rodais
selectos, de árbores plus, de instalación de hortas
sementeiras, dunha política valente de adquisición de terras
por parte da Xunta de Galicia e de protección oficial das
poucas fragas que aínda quedan, reliquias doutrora, dunha
ordenación teritorial e dun entendemento de usos sostiblese
tradicionais do territorio, que remate coa espiral irracional
dos incendios forestais e que obrigue a Administración a apagar
os lumes xerados polos gandeiros que necesitan pastos para ter
gando e cobrar as primas de ovino, caprino e de vacas nodrizas
que paga a mesma administración. E por último, insistindo nos
matices ambientais e recollendo conclusións da Declaración de
Compostela do pasado ano sobre sostibilidade dos montes,
sensibilizar á sociedade sobre a importante función ecolóxica
dos nosos bosques, promover a súa xestión sostible, e fomentar
a investigación. Por non falar da urxente necesidade de dispor
de unha normativa forestal axeitada á Galicia de hoxe e ás
singularidades e posibilidades do noso territorio.
A conservación da biodiversidade, verba que acugula canto vive
ó noso redor neste planeta, converterase sen dúbida neste
século, que comenza en obxectivo preferente por unha gran parte
dos gobernos do planeta, fustigados polas demandas dunha
sociedade cada vez máis sensibilizada coa problemática
ambiental. A destrucción do pulmón da terra coa talla dos
bosques tropicais, a desertización, o cambio climático, o
efecto invernadoiro, a chuvia ácida, a contaminación mariña,
os residuos nucleares, entre outros, son problemas globais cunha
solución que depende de todos e cada un de nós. Incluso en
Europa preto do 40% das especies de peixes de auga doce e de
mamíferos están nun estado de permanente ameaza. Esta
situación reflíctese tamén en Galicia onde especies tan
senlleiras como o oso, o cervo ou a cabra montesa extinguíronse
hai tempo, e outras como a pita do monte, o sapoconcho, o arao,
ou incluso a charrela e o salmón están seriamente ameazadas no
noso país. Sen embargo salta á vista que a problemática
ambiental non é hoxe, em absoluto, asunto que preocupe ó
galego, con raras excepcións como a propia Federación Galega
de Grupos Ecoloxistas que aglutina a 25 pequenas asociacións de
xente moi nova, con poucas posibilidades, pero con moita
ilusión. Evidentemente os gobernos son o claro reflexo do pobo
soberano que os elixiu, e Galicia non é diferente. Poderíanse
por moitos exemplos, pero poñamos por caso o salmón, a especie
nobre por excelencia dos nosos ríos, duns ríos que asemade o
goberno debe ter un especial interese en conservar por canto a
pesca deportiva entra de cheo nos ambiciosos programas de
turismo rural que pretender impulsar e promocionar a Galicia
verde. Pois ben, hai 20 anos ( 1980) chegaron a pescarse nos
nosos ríos 2.067 salmóns, só dez anos máis tarde
capturáronse ¡121!, e o ano pasado ¡tan só 20!. Sei dos
esforzos xenerosos que se están a acometer polos organismos
competentes, sen embargo bótanse en falta un apoio decidido á
conservación, como acción de goberno, que habería de
traducirse en importantes investimentos e creación de equipos
cualificados e novos departamentos para cubrir os distintos
eidos da conservación, acorde coa importancia dos valores do
nosos medio natural. Contamos en Galicia con 56 habitats
clasificados como de interese comunitario, preto da mitade dos
presentes en España; máis de 2.000 especies de plantas
vasculares das que 44 son especies de flora endémica
exclusivamente galegas, 12 peixes de augas continentais, 15
anfibios, 24 réptiles, 152 aves, 59 mamíferos e 296 especies
de peixes mariños no litoral, amais das que visitan
periodicamente as nosas costas como baleas, arroaces,
caldeiróns, focas, etc. A esto debemos engadir a calidade
-e tamén fraxilidade- das nosas paisaxes, desde as altas
montañas orientais, pasando polas penechairas e "terras
chas" do interior, ata as dunas, cantís, esteiros e illas
do litoral atlántico, que son abofé a admiración de cantos
foráneos nos visitan. Entendo que calquera galego que se precie
de selo debería estar loitando a cotío por todo isto, e, sen
embargo, que lonxe andamos aínda de ter un mínimo
entendemento, un algo de responsablidade de cara á
conservación de todo o que nos rodea. Dicía Freixanes:
"Unha enorme e aparente indiferencia social parece
neutralizalo todo", una indiferencia que se espalla
alporizantemente sobre os 31.855 lugares esmorecentes de
Galicia. Pero o goberno debe ser quen, porque é a súa obriga,
de impulsar unha política ambiental consecuente cos novos
tempos e as necesidades da conservación, recoller e aplicar as
directrices que nos chegan dende o mundo exterior, comenzando
polo Convenio de Diversidade Biolóxica asinado en Río e
ratificado por España en 1993. A Consellería de Medio Ambiente
está a elaborar normas e progamas francamente esperanzadores
como a nova lei galega para a conservación da natureza, a
estratexia galega para a conservación e o uso sostible da
biodiversidade, outra sobre a educación ambiental, a
declaración do primeiro parque nacional galego, programas de
axuda a población local dos espacios protexidos, e sobre de
todo a creación da chamada Rede Natura 2000 por aplicación da
directiva comunitaria "Habitats" 92/43/CEE relativa á
conservación dos habitats naturais e da fauna eflora
silvestres. Logo de varios anos de traballo no que participamos
unha morea incalculable de técnicos e expertos da Unión,
contamos xa cun instrumento de primeira orde para a defensa dos
habitats e especies máis salientables de Galicia, daquela que
nos son máis caras, xa raras, endémicas, ameazadas, en perigo
de extinción. En Galicia esta Rede que se pretende ecolóxica,
coherente, representativa, inclúe na súa proposta inicial a
creación de 53 espacios como Lugares de Interese Comunitario
(LICs) espallados por todo o noso territorio, desde as montañas
limítrofes coa meseta a costa, cunha superficie de 325.000
hectáreas, o que supón o 11% do noso territorio. Esta aposta
representa un claro avance na defensa do noso medio natural e é
un primeiro paso decidido de cara á súa conservación,
considerando asemade que Galicia está hoxe moi por debaixo da
media española (6%) ou da recomendada polo proxecto
biotopo/Corine da UE (15%), con tan só o 1,3% da súa
superficie protexida. A Rede Natura 2000 pode ser, sen dúbida,
unha boa e fermosa experiencia a exportar, onde concentrar os
esforzos da política de desenvolvemento territorial para o agro
e o medio ambiente. Unha oportunidade máis, en definitiva, para
devolver a autoestima á xentes do campo, para potenciar a
coordinación, a cooperación, e a complementariedade, para
incitar á integración e á participación, para promover
modelos de desenvolvemento sostible. Porque, así o entendo eu,
algún día a sociedade terá que recoñecer e pagar con
xenerosidade os servicios que prestan e prestaron os labregos ó
longo das centurias na preservación e defensa do medio natural
e das nosas paisaxes.
Quedan moitos temas no aire, moitos retos para o futuro, como a
elaboración dun catálogo galego de especies ameazadas, a
posta en marcha de plans de recuperación de especies e de
restauración de habitats, de plans de manexo para os humedais
da Convención de Ramsar ou as Zonas de Especial Protección
para as Aves (ZEPAS), a necesaria e urxente integración da
poboación local na xestión dos espacios protexidos, a
elaboración de instrumentos de ordenación e de manexo que
aseguren a conservación e tamén sostibilidade dos usos nas
áreas de protección especial como a Rede Natura 2000, a
integración da educación ambiental no ensino, a elaboración
de plans de xestión a procura das solucións para os danos
producidos pola fauna silvestre, os fomentos dos plans de
ordenación e de aproveitamento para unha xestión
definitivamente sostible dos recurso cinexéticos e piscícolas
aproveitados por case cen mil pescadores e outros tantos
cazadores, ó impulso a integración dos criterios ambientais
nas outras políticas sectoriais, a creación dunha base central
de datos, dun centro galego de biodiversidade, e dun centro de
recuperación de fauna mariña que con tanta asiduidade vara nas
nosas costas, a participación galega decididamente activa en
foros internacionais sobre conservación da natureza, a
potenciación sen maior dilación das nosas relacións
transfronterizas co Ministerio de Amiente o ICN de Portugal, e
un longo, longuísimo etcétera. E, sobre todo, educación,
coñecemento, formación, participación.
Alguén dixo que o coñecemento é o recurso máis estratéxico,
e a aprendizaxe o proceso máis importante. Sen dúbida, Galicia
necesita urxentemente de ambos os dous instrumentos no eido do
medio ambiente. Estamos a dilapidar o patrimonio natural con
excusa do desenvolvemento e modernidade, da globalización e a
mundialización, e, sen embargo, un gran ermo, vacuo e
silencioso, un bafo estarrecente chegado das serras e do mundo
rural galego, arrodea as grandes urbes da emigración interior.
23 - setembro - 2000 |